Lugonovo di que catro panfletos na caseta de información municipal non son unha campaña en contra da violencia sexista

Cristina Pérez Herráiz trasladou esta mañá ao Foro de Igualdade as súas queixas pola raquítica difusión que, dende o Concello, se lle deu á campaña, solicitada por Lugonovo no pasado Pleno, para acadar unhas festas libres de agresións sexistas.

A voceira da formación lamenta que tódolos esforzos do goberno na materia quedasen reducidos á colocación de varios panfletos na caseta do feiral correspondente á Oficina de Información.

“De feito e, a excepción dos que se expuxeron nalgunhas – que non en todas – dependencias municipais, non foi posible ver, en ningún punto da capital, nin un só cartel do San Froilán que incluíra mensaxes en contra da violencia machista”, reprocha a portavoz.

“Debeu ser ou que a tirada era moi reducida, ou que só se trataba dunha estratexia de márketing municipal pero non dun compromiso verdadeiro por parte do executivo. Parécenos lamentable que a única mostra de eficiencia que amosara esta concellería dende que se iniciou o mandato só tivera como finalidade tratar de invisibilizar a nosa moción, pero non traballar seriamente para evitar comportamentos vexatorios durante as celebracións patronais”.

Lugonovo defendera na sesión de setembro unha proposición para que a administración local,  en colaboración cos diferentes colectivos sociais da cidade, deseñara e puxese en marcha diversas accións de sensibilización encamiñadas a evitar calquera actitude humillante contra a liberdade sexual e a identidade de xénero durante os festexos.

Entre as ferramentas que suxería atopábase a elaboración de protocolos de vixilancia, a creación de eslóganes, a elaboración e divulgación de cartelería, folletos e guías dos recursos dispoñibles, así como a implicación do sector hostaleiro para que colaborara en darlle publicidade.

“Agora, co San Froilán absolutamente rematado podemos dicir que, de todo o anterior, non se fixo absolutamente nada. É máis, o realizado non alcanza nin a definición de campaña polo que lle pedimos á responsable de Benestar Social que, para o ano que vén mude a improvisación pola previsión e, sen as présas por acaparar protagonismo, traballe con tempo e dedicación en contra do acoso sexista”, conclúe Pérez Herráiz.