Lugonovo levará ao Pleno unha proposta para mudar a política forestal do territorio

Lugonovo trasladará ao vindeiro Pleno unha proposición co obxectivo de acadar o apoio da Corporación para instar á Xunta de Galicia a modificar a actual política forestal do país e a diminuír o número e a repercusión dos incendios que se rexistran na comunidade.

“Non se trata de atopar ou sinalar un culpable da vaga de lumes que vimos de padecer, nin tampouco de procurar réditos electorais, senón de promover unha fonda reflexión sobre as causas e as consecuencias destes ataques”, explica Iñaki García.

Os concelleiros da formación consideran que, á vista do acontecido, a ordenación actual do territorio non é axeitada, como tampouco están resultando eficaces as iniciativas desenvolvidas para recuperar e favorecer o asentamento de habitantes e de actividade no rural.

“Unha situación que é preciso reverter – apunta García Gómez –  con medidas proactivas pero tamén preventivas como poden ser o fomento do pastoreo e das centrais de biomasa, prácticos redutores dos residuos forestais e das emisións de CO2 á atmósfera, e mesmo prohibindo os cultivos pirófitos como o piñeiro e o eucalipto que ademais contribúen á desertificación do medio”.

A agrupación municipal aposta igualmente por reforzar e ampliar durante todo o ano as tarefas de limpeza e desbroce do monte así como por defender a condición pública da xestión e dos recursos que se empregan nos operativos de extinción, “tendo en conta o seu carácter de servizo prioritario”, engade Iñaki García.