Lugonovo denuncia a situación de desamparo que lles agarda aos traballadores do Conserva Lugo

 “Desvestir un Santo para vestir outro… ou aínda peor, abocar a estes traballadores a unha situación de desamparo máis acusada da que xa padecían”.

 

A portavoz de Lugonovo denuncia, nestes termos, o elevado nivel de desprotección no que quedarán os participantes do Conserva Lugo 2017, financiado pola Consellería de Economía e posto en marcha polo Concello, cando este programa remate.

 

Estamos a falar dunha iniciativa que facilita a contratación de 19 persoas que se atopan en risco de exclusión social. Sen embargo non se trata nin dun emprego estable nin tampouco de calidade pese a impulsalo a administración pública”, lamenta Cristina Pérez Herráiz.

 

A voceira da formación explica que as condicións laborais ofertadas non permitirán a estas familias saír da precariedade na que se atopan ao tratarse dun contrato de só sete meses e a media xornada o que, traducido, significa gañar un salario que non alcalza o IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples) e que tampouco é compatible coa Renda de Inserción que percibían.

 

Pero ten máis, e peor, letra pequena. Porque cando o programa finalice e despois de máis de medio ano cotizando, non só tardarán moitos meses en poder cobrar de novo a Risga, senón que a prestación por desemprego que se lles recoñece só lles vai dar acceso a unha paga de 213€ como único ingreso”.

 

Pérez Herráiz reprocha que esta non é a primeira advertencia ao respecto que Lugonovo lle fai ao goberno. “Xa en 2015 e con outra subvención similar, alertamos ao executivo do que pasaba con este tipo de axudas convocadas pola Xunta e pedímoslle que artellara medidas correctoras no caso de concorrer de novo a elas. Mais se daquelas non fixo nada, agora repite no erro”.

 

A solución, para os edís da agrupación, pasaría por prorrogar o contrato ata completar o ano, “o que suporía para o traballador ter dereito, no canto de a un subsidio, ao paro: é dicir, a unhas retribucións máis elevadas e a seguir computando para a xubilación”.

 

Non basta con xerar emprego inmediato. Tamén lle corresponde á institución a responsabilidade de velar pola súa calidade e garantir que dignifique ou, cando menos, que non prexudique máis a quen xa está a sufrir a peor cara da crise”, conclúe a portavoz de Lugonovo.