Lugonovo pide que se convoque a Comisión Especial de Festas para coñecer as cifras oficiais do San Froilán

A voceira de Lugonovo solicítalle ao goberno que convoque canto antes unha nova sesión da Comisión Especial de Festas para presentar as cifras do San Froilán.

 

Non basta con que a alcaldesa faga unha estimación do éxito que tivo un ou outro concerto, queremos coñecer os datos de verdade, os números reais que deixaron as festas na cidade nesta edición”.

 

A portavoz da formación lémbralle ao executivo que este sábado cúmprese un mes das celebracións e que, de momento, non se trasladou ningunha valoración oficial por parte do Concello sobre o balance económico e de asistencia ás mesmas.

 

Parécenos unha información importante, en tanto que permite medir a eficacia coa que se organizan os festexos e o interese que espertaron os espectáculos contratados – di Pérez Herráiz- quen agarda que, tralas conclusións, “a responsable de Cultura saiba facer unha interpretación axeitada das mesmas coa fin de corrixir os erros que se detecten e non repetilos en 2018”.

 

A voceira pon como exemplo que algunhas actuacións se solaparon entre elas, obrigando ao público a escoller, unha circunstancia que “cunha boa planificación se houbera evitado. Foi o caso de Treixadura e The Limboos. Por non falar do esperpento que, por segundo ano consecutivo, vivimos coa adxudicación das casetas do polbo. Unha situación á que agardamos se poña remedio se, tal e como se advirte hoxe na prensa, se producen novas renuncias”.

 

En definitiva – conclúe Cristina Pérez Herráiz- máis previsión e menos improvisación, unha premisa que se pode aplicar tamén a outros aspectos como pode ser ao necesario reforzo do número de colectores do lixo que se instalan no feiral durante eses días ou a unha mellor ordenación do tráfico e do estacionamento para que non se reproduzan imaxes que desluzan o vindeiro San Froilán”.