Lugonovo lembra que a mellora da sinalización viaria na Piringalla leva 9 meses de atraso

Os edís de Lugonovo amosan a súa satisfacción pola próxima posta en marcha dunha nova “zona 30” na capital: a que eles mesmos solicitaran o pasado mes de marzo dando traslado ás reivindicacións da comunidade escolar da Piringalla.

 

“Chega con nove meses de atraso pero, como di o refrán, máis vale tarde que nunca, tendo en conta, sobre todo, que  estamos a falar de garantir a protección do estudantado nunha das unidades educativas máis numerosas xa non só do municipio senón tamén de toda Galicia e na que as carreiras de coches e os incidentes de tráfico están á orde do día” – subliña Victoria Esteban.

 

A concelleira da formación apunta que os tres centros educativos que se reúnen nesta parte da cidade aglutinan máis de dous mil alumnos, que, “cada xornada, se desprazan pola contorna para chegar ás clases cunha importante sensación de inseguridade que mantén moi preocupadas ás familias”.

 

“Rebaixar os límites de velocidade era unha reclamación histórica tendo en conta a intensa circulación que se rexistra no barrio”, advirte Esteban Riesco quen considera outra prioridade o repintado dos pasos de cebra existentes, actualmente invisibles tanto para peóns como para condutores. “Algún, de tan esvaecido, acabou por converterse nunha praza de estacionamento  pese a estar advertido con leds, así que agardamos que o executivo aproveite a ocasión para revisar toda a sinalización viaria e mellorala”.

 

Dende a formación insístese, asemade, noutros aspectos como pode ser a provisión de alumeado orientado ao parque infantil Gallego Tato, cara ao que non se proxecta ningún dos farois existentes.

 

“A área de xogo está case ás escuras. Así o denunciamos en marzo e así continúa. Neste momento, ademais, que vén de mudar a hora e anoitece antes, esa falta de iluminación apropiada condiciona o uso do xardín, mermando o proveito que lle pode sacar a cidadanía”, reprocha a edil quen tamén reclama maior limpeza das rúas e dos soares sen uso que actualmente se atopan ateigados de maleza así como a retirada de varios vehículos que “levan máis de medio ano botando raíces, abandonados na calzada”.