Lugonovo tilda de escurantismo que aínda non fose publicado ningún dos convenios asinados polo Concello este ano

Novembro xa iniciado e nin un só convenio de todo 2017 aparece publicado no portal municipal. “E non será por non pedilo”, lamenta Cristina Pérez Herráiz quen lembra que en máis de tres ocasións trasladou a devandita queixa á responsable da área de economía.

Vemos que ao executivo lle gusta falar de transparencia pero, á hora da verdade, esa vontade non se cumpre. O mellor exemplo témolo no feito de que a páxina web do Concello leve todo o ano sen actualizar o Rexistro dos convenios asinados con outros entes ou administracións”, reprocha a portavoz de Lugonovo quen sinala, entre os protocolos máis destacados que aínda non se poden consultar, os acordados coa Xunta de Galicia para o equipamento do Auditorio, a construción dun novo colexio no Sagrado Corazón ou a revitalización do barrio da Residencia.

Non entendemos que pode motivar tanta opacidade cando o propio equipo de goberno presume constantemente do apoio que recibe doutros organismos para desenvolver moitas das iniciativas que se levan a cabo na cidade”, di Pérez Herráiz cuestionando as razóns polas que os lucenses aínda non poden coñecer a letra pequena de proxectos tan trascendentais como o da escola infantil que financiará a Fundación Amancio Ortega ou mesmo o desdobramento da Avenida Infanta Elena do que a Deputación asume a metade do custo económico.

Por outra banda, a voceira anuncia tamén que a formación solicitará o aumento do prazo no que se pode acceder á documentación relativa ás Xuntas de Goberno. Cristina Pérez explica que só é posible facelo o día seguinte á súa celebración o que, o derradeiro xoves do mes, coincide coa xornada do Pleno.

Non se pode estar en misa e repicando pero tampouco queremos ter que renunciar aos nosos dereitos. Entendemos perfectamente que aos asuntos tratados nas Xuntas de Goberno haxa que darlles trámite canto antes pero tamén cremos que os grupos da oposición debemos poder exercer a nosa labor de fiscalización porque se trata dunha tarefa importante. Polo tanto, pediremos que, nesa última semana do mes, se amplíe o marxe do que dispoñemos para supervisar os expedientes”.

Pérez Herráiz lembra que esta non é a primeira vez que se aborda a necesidade de revisar os mecanismos de participación política da institución xa que, en setembro de 2016 a Corporación aprobara reformar o Regulamento Orgánico Municipal sen que, ata o momento, se producira ningún avance.