Lugonovo achaca á ineficacia municipal a precariedade dos contratos asinados para prorrogar a campaña contra os incendios forestais

Só traballamos tres meses ao ano pero este ían ser catro grazas á prórroga que autorizou a Xunta. Agora a continuidade dese contrato xa non será de 30 días senón só de 16, é dicir, pola metade do tempo e do salario que contabamos”.

 

É o testemuño dun dos oito operarios das brigadas de extinción de lumes forestais que hoxe, a dúas semanas de que remate o prazo de prolongación do dispositivo contra incendios, foron dados de alta polo Concello.

 

Puxéronos sobre aviso o 24 de outubro e, dende aquelas, estiveron agardando, rexeitando incluso algunha outra oferta laboral, sabedores de que poderían ser chamados en calquera momento para incorporarse ao servizo – explica Cristina Pérez Herráiz – pero non foi ata esta mañá cando formalizaron a tramitación. Polo camiño quedan media nómina e os ingresos aos que tiveron que dicir NON mentres esperaban a que administración cumprira co seu cometido”.

 

A portavoz de Lugonovo traslada así a indignación destes efectivos aos que, denuncia, “nin sequera lles deron aínda os uniformes”.

 

É un gran exemplo da eficacia que está a caracterizar a esta institución. Mermada no seu funcionamento e que provoca o mesmo efecto en todo canto xestiona”, lamenta Pérez Herráiz.

 

Varios erros detectados no Decreto que regulaba a addenda ao convenio asinado entre o organismo autonómico e o local obrigaron a anular o documento e a redactar un novo. “Os atrasos que se rexistraron no procedemento farán que haxa que devolver case o 50% dos cartos concedidos pola Consellería de Medio Rural e que só se poidan desenvolver unha parte das tarefas que se planificaron”, advirte a voceira da formación quen adianta que Lugonovo interpelará ao goberno para saber, exactamente, que ocasionou a demora e cales son e onde se desenvolverán as actuacións destas dúas cuadrillas para aproveitar a “escasa duración que, a estas alturas, vai ter o seu contrato”.