Lugonovo lémbralle ao goberno que o Ceip das Gándaras continúa sen beirarrúas ano e medio despois de comprometer a súa construción

“Moi difícil de xustificar”. Así é como cualifica Lugonovo que o CEIP Virxe da Soidade aínda non dispoña de beirarrúas. Unha actuación que ía incluída no paquete de medidas que a formación acordou co goberno para aprobar os orzamentos de 2016.

“As Gándaras é un dos barrios con máis déficits de toda a capital. E esa ausencia de dotacións faise máis palpable, se cabe, na contorna escolar: dende a falta de sinalización do propio edificio ata a carencia de infraestruturas tan básicas como unha simple beirarrúa que permita ao alumnado desprazarse polas inmediacións de forma segura”, advirte Victoria Esteban.

Dende a agrupación municipal subliñan que ano e medio debera ser tempo dabondo como para ter avanzado algo máis no proxecto que o mero traspaso da súa encomenda a Evislusa. “Se fan falta dous cursos académicos para sacar adiante un trámite administrativo preferimos non imaxinar cantos meses precisará este executivo para construílas”, lamenta.

A concelleira de Lugonovo relata que a comunidade educativa do centro refire certo caos nas horas de entrada e saída pola falta de accesibilidade ao mesmo e pide que se poñan os medios necesarios para garantir a súa protección.  “O estudantado camiña sorteando os coches, co perigo constante de recibir un golpe. Tampouco os accesos ao recinto son os máis axeitados. A porta peonil é moi estreita e conta con dous chanzos de paso que a volve inservible para carriños de bebés ou cadeiras de rodas o que provoca que moitas nais e pais, e moitos pequenos tamén, entren pola parte reservada aos turismos”.

“O desexable sería, ademais de eliminar os escalóns e poñer no seu lugar unha rampla, que se instalase un sinal de prohibición de peóns nesta zona acoutada a vehículos”, indica Esteban Riesco quen, como representante do Concello no Consello Escolar deste centro, trasladará ao executivo outras demandas do equipo directivo como son a renovación da area do areeiro, “que leva anos sen mudar”, a necesidade de mellorar a limpeza do patio ou a petición de que se instalen carriolas e bambáns na área de xogos infantís.