Lugonovo solicita ao goberno que atenda as demandas do CEIP Rosalía

Son xa peticións de vello pero sobre as que a dirección do Ceip Rosalía de Castro denuncia unha absoluta despreocupación municipal.

 

Pequenas anomalías que afectan ao correcto funcionamento da actividade docente dende hai moitos meses sen que a administración local interveña pese as reivindicacións constantes da comunidade escolar”, salienta a edil Victoria Esteban.

 

A concelleira de Lugonovo subliña o feito de que non se estea a subsituír a baixa do conserxe.

 

A solución dada polo goberno consistiu en enviar un bedel que se encarga, exclusivamente, de abrir e pechar as portas do centro á entrada e saída do alumnado, unha medida pouco resolutiva que obriga aos mestres a estar pendentes do porteiro durante o transcurso das clases”, explica Esteban Riesco, “polo que vemos acaída non só a cobertura da praza por un traballador da mesma categoría profesional senón que tamén sería necesario abondar na delimitación das súas competencias”.

 

Do mesmo xeito, dende a formación, fanse eco doutras demandas que reclama o colexio como a reposición de mobiliario que foi trasladado para acometer unhas obras e aínda non foi devolto ao seu lugar, así como a mellora da limpeza “para o que sería preciso un reforzo do cadro de persoal”.

 

Esta comunidade educativa quéixase tamén de que as liñas das pistas deportivas atópanse tan despintadas que a penas resultan visibles, as portarías de fútbol están rotas e a rede que contiña os balóns para que non saísen á rúa leva sen repoñer dende que caeu o ano pasado. Tamén as canchas de baloncesto e outras zonas, como o barracón que fai as funcións de comedor, se encontran invadidas de graffiti. Eivas que cómpre corrixir e que non deberan demorarse por máis tempo e así llo faremos chegar ao executivo a través dun rogo á correspondente Comisión de Pleno”, conclúe Victoria Esteban.