Lugonovo pídelle ao goberno que leve ao Pleno, para a súa aprobación, a actualización da ordenanza municipal sobre verteduras

Lugonovo vén de rexistrar unha proposición para que o goberno presente ao Pleno, para a súa aprobación, a Ordenanza Municipal Sobre Verteduras de Augas Residuais, dado que a actual non se adapta á normativa autonómica. O Grupo Municipal pedirá tamén que se deseñe un cronograma que recolla a redacción progresiva dos proxectos de abastecemento e saneamento do rural.

“Queremos feitos e queremos prazos e, dende logo, non entendemos por que continúa en vigor unha norma local de 2010, xa obsoleta, cando o executivo ten sobre a mesa, dende hai tempo, outra proposta adaptada ás últimas modificacións lexislativas que regula, controla e sanciona os vertidos en Galicia”, indica García Gómez.

O concelleiro da formación cre que a situación de seca que atravesa o país pon de manifesto que a auga é un dos recursos naturais máis importantes, pero tamén demostra que é limitado e escaso o que “debera derivar nunha fonda reflexión política sobre o papel que desempeñan as administracións en materia de concienciación, previsión, xestión de infraestruturas e, por suposto, regulamentación das mesmas”.

“As estimacións mundiais – continúa García Gómez – apuntan a que no 2030 a demanda global de auga se incrementará un 50%, aumentando de forma exponencial as verteduras residuais”.

É nese contexto, no que os edís de Lugonovo lembran que, na actualidade, o Concello de Lugo, non só está a empregar auga potable en tarefas que nada teñen que ver co consumo humano, como pode ser o baldeo das rúas ou a rega de xardíns, senón que boa parte das dotacións coas que conta a cidade, están paralizadas ou infrautilizadas (a rede de depuración, os depósitos de Penarrubia, etc).

“A todas estas eivas que arrastra o servizo no municipio, cómpre engadir que boa parte das augas residuais que producimos volven ao ecosistema sen ter sido tratadas de forma adecuada, especialmente no rural onde máis do 75% dos núcleos non dispoñen nin de traída pública nin de saneamento. Contaminar as fontes e o medio ambiente pon a vida da poboación en risco. Evitalo ou, neste caso, corrixilo precisa, sobre todo, de vontade e compromiso político e de elevar ao concepto de prioridade a obtención de financiación para desenvolver os proxectos de abastecemento e depuración nas parroquias e así llo faremos chegar ao goberno durante o vindeiro Pleno”, conclúe Iñaki García.

Por outra banda a formación defenderá na sesión de novembro outra moción, baseada nas reivindicacións da Plataforma SOS Sanidade Pública, para solicitar a retirada do anteproxecto de modificación da Lei Galega de Saúde do ano 2008.