Lugonovo solicitará a retirada da subvención municipal ao Rof Codina se prospera a proposta da Xerencia para diminuír os servizos á Protectora

O Grupo Municipal Lugonovo solicitará ao Concello que non se lle conceda a subvención municipal prevista para 2018 ao Hospital Veterinario Rof Codina, no caso de que prospere a proposta da Xerencia deste centro para reducir o número de servizos e atencións que presta aos animais da Protectora de Lugo.

“Son instalacións que se nutren con fondos públicos e que, polo tanto, deben ter tamén unha vocación pública por riba de calquera outro interese e, moito máis, dun propósito de obter beneficios económicos. Especialmente cando estamos a falar de que son o único recurso para os animais do refuxio, que non poden dispoñer de ningún outro tipo de asistencia. É unha cuestión de compromiso deontolóxico pero, sobre todo, moral”, reprocha Iñaki García.

Por outra banda os edís da formación reiteran unha vez máis a súa petición para que se repinte Infanta Helena, tras coñecer esta mañá que o proxecto de humanización previsto para esta avenida aínda dista moito de poder materializarse.

“Nestes momentos nin sequera rematou o proceso de expropiación, pendente, segundo nos confirmou o responsable de Infraestrutras na Comisión de área, de que a Xunta de Compensación resolva algunha diferenza menor cos propietarios de varios terreos afectados – explica García Gómez. Ademais, o Concello agarda recibir, en próximos días, varias aclaracións técnicas ao respecto das conclusións do levantamento topográfico o que indica que, polo de agora, nin están deseñados os termos da actuación, nin se elaborou un cronograma para desenvolvela, nin hai tampouco un prazo sinalado para que comecen os traballos”.

O concelleiro de Lugonovo entende que o procedemento administrativo que resta e que inclúe o trámite de audiencia pública, a posible presentación de alegacións, a redacción do contrato de adxudicación das obras, a súa fiscalización e aprobación, dilatará o desdobramento da Duquesa durante moitos meses e, por iso, insta ao executivo a non demorar máis a mellora das condicións de visibilidade na zona.

“Pareceunos unha tomadura de pelo cando o ano pasado nos dixeron que condicionaban esta tarefa á reurbanización planeada pero, trala contestación recibida hoxe, sería unha auténtica neglixencia agardar por ela”, destaca Iñaki García.

“E non nos serve a escusa de que o repintado da sinalización non ten orzamento cando dende a alcaldía se está a dicir que á institución lle sobran cartos para poder cancelar a débeda e máis adquirir os locais da Tinería. Por unha vez cómpre ser realistas e priorizar, de verdade e con feitos, a seguridade cidadá”, conclúe o edil da agrupación.