Lugonovo alerta de que as arquetas sitas na contorna do Centro Comercial Abella seguen sen pechar, dous anos despois de denunciar a súa existencia

Teñen case un metro de ancho e o triple de fondo o que as convirte nunha seria ameaza para a poboación. Mais a pesares de denunciar a súa existencia en varias ocasións,  as arquetas sitas nas inmediacións da superficie comercial da Abella levan máis de dous anos sen cubrir.

A portavoz de Lugonovo manifesta o perigo que supoñen estas bocas de sumidoiro para a cidadanía que, nin tan sequera, foron sinalizadas debidamente para alertar da súa localización.

“Advertimos desta situación en setembro de 2015 e, dende aquela, o máis que se fixo foi pechar o primeiro destes pozos e deixar o resto descubertos”, lamenta Cristina Pérez Herráiz quen considera que a inacción do executivo incorre xa na neglixencia.

A voceira da agrupación municipal explica que estas tubaxes se atopan nas proximidades dun sendeiro peonil, carente de alumeado.

“Non hai nada que impida caer nelas. Todas, salvo unha, seguen destapadas, algunha incluso disimulada pola maleza, e non hai ningún tipo de protección nin aviso de que cómpre extremar o coidado cando se camiña pola contorna para evitalas”, refire Pérez Herráiz, “especialmente agora, cando escurece antes das seis da tarde e a climatoloxía non axuda en canto á visibilidade”.

Dende a formación advírtenlle ao goberno que a súa deixadez non pode comprometer por máis tempo a seguridade da veciñanza e ínstanno a clausurar definitivamente estas “trampas” antes de que alguén resulte ferido de gravidade e logo o Concello teña que asumir responsabilidades moito máis severas que a de executar unha obra tan simple.