“Non era algo puntual, como nos pretende facer crer a edil de economía. Non está a ser unha deficiencia extraordinaria nin moito menos ocasional. O atraso no pago medio a provedores, que ronda os 80 días, pódelle saír caro ao noso Concello se o executivo non pon os medios precisos para corrixir o que xa vai camiño de converterse no mal endémico desta administración: a falta de dilixencia, especialmente na tramitación das facturas”.
Son as verbas da portavoz de Lugonovo tras coñecer que o Ministerio de Facenda enviou cartas a 22 grandes municipios, entre eles o de Lugo, advertíndolles que ou reducen a morosidade ou intervirán as súas finanzas.
“Agora a institución local está abocada a enviar un plan de tesourería detallando as medidas que empregarán para garantir que os recibos serán abonados en menos de 30 días, tal e como recolle a Lei de Estabilidade e Sostenibilidade Financeira”, di Cristina Pérez.
A voceira da formación subliña que o apercibimento do Estado chega despois de múltiples advertencias do Interventor municipal, ao longo de varios meses, nos que se superou, con creces, o tope establecido para liquidar as operacións comercias realizadas.
“Pode que se cancelara toda a débeda pero eso non significa que este goberno estea en situación de presumir de boa xestión. É o que levamos meses intentando trasladarlle, non sen certa preocupación, ao comprobar que, lonxe de reaccionar ás críticas, continúa o seu errático rumbo, indiferente ás consecuencias que se aveciñan”, lamenta Pérez Herráiz.