Lugonovo pide investir parte do superávit na mellora das canalizacións da cidade

Inaceptable. Así é como os edís de Lugonovo cualifican os reiterados asolagamentos que sofre a cidade cada vez que chove.

“É inconcebible que unha treboada ou unha fronte como a que afectou onte a Galicia,  remate sempre da mesma maneira para a veciñanza de Fontiñas ou da Avenida da Coruña”, refire Iñaki García quen atribúe ao executivo unha “importante falta de consideración cara a veciñanza” por non ter actuado con previsión ante os continuos anuncios de precipitacións abundantes que se prognosticaban para a xornada do domingo.

“Non será porque os servizos de emerxencia non levaban días advertindo da chegada dun temporal. Nin tampouco porque non sexa coñecida a singularidade orográfica dos terreos sobre os que se asentan estes barrios e que favorece o seu anegamento.  Pero o que, dende logo, non chegamos a entender é por qué igual que se precintaron os parques, o goberno non foi quen de tomar outras medidas que garantisen o correcto desaugue pluvial, nestes puntos concretos da capital especialmente conflitivos”.

Os concelleiros da formación cren que a falta de mantemento e limpeza da rede de sumidoiros atópase detrás da casuística destas inundacións.

“Asistimos a elas coma se xa fosen unha rutina e non debera ser así. A súa reiteración demostra que algo falla e hai que corrixilo. A pasada primavera, expuxemos dende Lugonovo a necesidade de que unha brigada municipal se encargue de revisar,  con anterioridade á época de chuvias,   o estado no que se atopan as canalizacións e de asegurar o seu correcto drenaxe para impedir que se repetiran estampas como as vividas onte. Pero nesa dirección, nada se fixo”, lamenta García Gómez quen agora reclama que parte do superávit do que presume o executivo se invista na mellora das infrastruturas.

“Cómpre elaborar un estudo para avaliar, tecnica e economicamente, as posibilidades do Concello para afrontar, se é preciso, unha posible renovación das tubaxes nestas zonas e programar a súa acometida en función da súa urxencia”,  conclúe o edil.