Lugonovo trasladará o luns á súa Coordinadora o debate dos orzamentos municipais

“A nosa última esperanza é que este executivo sexa electoralista e que a proximidade duns novos comicios o seduza para cumprir co que prometeu”.

A portavoz de Lugonovo considera que “non é sen tempo” que o goberno empece a executar os proxectos que leva meses anunciando.

“Semella que estiveran reservándose para acometer todas as obras xusto ao final do mandato. Pero se desfrutar dun 2019 cheo de inauguracións serve para que se materialicen as iniciativas, nós dámonos por satisfeitos, aínda que non é así como queremos que avance Lugo”, subliña Cristina Pérez.

Os edís da formación agardarán a ter o documento contable para facer unha valoración máis polo miúdo dos vindeiros orzamentos.

“O único que nos avanzou a alcaldesa é que serán moi similares aos que ían presentar en 2017 e, como nunca se nos proporcionou ningún expediente no que se recolleran as partidas concretas e a súa consignación e, nesta ocasión nin tan sequera se deu pé a negocialos, continuamos sen saber cales son as súas propostas e cales as contías que lles asignaron”, sinala a voceira.

Pérez Herráiz cre que o feito de que o investimento previsto sexa análogo ao estimado para o exercicio anterior suporá o desaproveitamento do superávit existente. “O que lamentamos profundamente e que, pese a xactarse a miúdo de ter cancelado a débeda do Concello, esta circunstancia non vaia reverter de ningunha maneira na cidadanía”.

“O que non nos convence do descurso da rexedora é que, aínda por riba de non facilitarlle ao resto da Corporación a información relativa aos presupostos antes de facelos públicos, logo pretenda conquistar o noso apoio dicindo que dentro do Plan de Barrios quere incluír as mocións aprobadas en Pleno, cando entendemos que esa xa é a súa obriga”. Neste sentido, a portavoz lembra algunhas das ideas presentadas por Lugonovo como a humanización das prazas da cidade ou o acondicionamento integral da rúa Vila de Sarria.

En canto ao posicionamento da formación, Cristina Pérez Herráiz sinala que “o Grupo Municipal trasladará este debate á Coordinadora da plataforma o próximo luns, pese a que parece que Lara Méndez xa trazou a ruta a seguir”.