Lugonovo considera urxente a implantación da Historia Electrónica nos Servizos Sociais municipais

A portavoz de Lugonovo cre que xa é hora de que se revisen os mecanismos cos que operan os Servizos Sociais municipais para gañar en axilidade e eficacia.

“Agora mesmo, todo o relativo a cada expediente só pode ser consultado e xestionado exclusivamente polo traballador que ten asignado o caso, o que contribúe a incrementar a saturación de tarefas que xa padece o persoal e provoca tamén importantes transtornos para o usuario, entre eles, a demora na resolución das prestacións que recibe”, explica Cristina Pérez Herráiz.

Atrasos que poderíanse agravar nas próximas semanas ante a chegada das Festas do Nadal.  “As quendas de vacacións dos profesionais desta área non se cubren o que merma a calidade da asistencia que, nestas datas, se ofrece ao cidadán xa que, durante eses días, non teñen a onde acudir si se lles presenta algún problema”.

Unha situación que, a xuízo da voceira,  fai necesaria a implantación da Historia Social Única Electrónica con “absoluta inmediatez”.

“Nos últimos días, dez concellos da provincia veñen de estrenar esta ferramenta dixital que permite ter acceso á información máis relevante dos historiais de servizos e recursos asignados aos usuarios dende as distintas administracións. Un sistema que, en Lugo, cremos  resulta fundamental, en tanto axudaría a reducir prazos e labores administrativas e facilitaría o cometido dos profesionais”.

O historial electrónico no só permite xerar e asinar dixitalmente os informes normalizados e arquivalos, senón tamén envialos de xeito telemático ás unidades tramitadoras para a súa consulta, posibilitando unha atención máis proactiva.

“Cremos que a xestión dos Servizos Sociais municipais debe mellorar, algo que se demostra no feito de que non se esgotase todo o orzamento previsto para executar este ano. Só na partida destinada á Emerxencia Social sobraron máis de 100.000 euros. Queda, polo tanto, moito traballo que facer ao que agardamos axude a efectivizar esta Historia Única”.