A proposta de orzamentos de 2018: "absolutamente decepcionantes"

“Absolutamente decepcionantes”. Así é como cualifica a portavoz de Lugonovo os orzamentos do Concello para 2018.

Cristina Pérez Herráiz realiza esta valoración ao saír da Comisión de Contas na que se abordaban tanto as partidas consignadas para os vindeiros presupostos municipais como a presentación do Plan Económico e Financeiro do exercicio 2017.

“Lamentamos moito que ata esta mañá non puidéramos coñecer cales eran os proxectos do goberno para o próximo ano, tendo en conta que foi hoxe mesmo cando se nos facilitaron detalles relativos a capítulos tan importantes como o fomento do emprego ou mesmo sobre o erroneamente chamado Plan de Barrios cando debera denominarse Plan de Rebacheo”, di a portavoz da formación en alusión ao calado dos traballos que se desenvolverán con cargo a este capítulo.

“Nin a Praza Maior precisa de máis elementos escultóricos nin a este tipo de actuación se lle pode chamar humanizar espazos”, afea Pérez Herráiz quen tamén considera que o  executivo “chega tarde, mal e arrastro”, ao presentar “ao límite dos prazos regulamentariamente establecidos”, o Plan Económico e Financeiro do Concello.