A Asamblea de Lugonovo decidirá este mércores a súa postura sobre os orzamentos municipais

A Coordinadora de Lugonovo acordou convocar para o mércores a súa Asamblea co obxectivo de tomar unha decisión ao respecto do posicionamento co que se pronunciará o Grupo Municipal sobre os orzamentos de 2018.

“Queremos escoitar o punto de vista dos nosos simpatizantes e ter en conta as súas aportacións, por eso, a prol da transparencia e da participación, celebraremos este mércores unha reunión aberta na que non só se determinará cal vai ser o voto de Lugonovo no Pleno dos Presupostos senón que tamén se valorará o camiño a seguir en función dos distintos escenarios que xurdan trala sesión do xoves”, explica Cristina Pérez Herráiz, “pero sempre dende a máxima da responsabilidade”.

A portavoz de Lugonovo entende que será unha reunión áxil e breve en tanto as contas non difiren demasiado das presentadas polo executivo para o exercicio en curso, nin tampouco variou o proceder do goberno nestes últimos meses. 

“Despois de dous anos agardando a que se liciten os contratos caducos, a que se reduza e axuste á legalidade o prazo medio de pago aos provedores, a que se resolvan cuestións tan importantes para a cidade como é o ordenamento da mobilidade ou a que se lle preste a atención debida aos barrios, a nosa confianza na capacidade de xestión do equipo de Lara Méndez está máis que mermada”, refire Pérez Herráiz quen, asemade, dubida moito de que as partidas deseñadas cheguen a transcender do papel, “con todo ser un proxecto estritamente do PSOE e para o que non se tiveron en conta as achegas da oposición”.