Lugonovo cualifica de "mediocre, no mellor dos casos," a labor do goberno durante este último ano

“Un ano perdido”. Así é como Cristina Pérez Herráiz resume o 2017 en canto á actividade municipal.

Durante o seu descurso no Pleno do Debate do Estado do Concello, a portavoz de Lugonovo salientou a escasa vontade de transformación amosada polo executivo dende o inicio do mantado. 

“Calquera xestión, da máis tímida á máis ambiciosa, debería facer avanzar un chisco a cidade que se goberna, pero ¿que se pode agardar dun partido e dunha alcaldesa que abriron a lexislatura pechando os acordos relativos á organización do traballo municipal para os seguintes catro anos coa súa teórica némese, o Partido Popular?”. 

“O que está claro é que, o que mal empeza, mal acaba. Agora que camiñamos cara ao último ano completo de lexislatura, revivimos eses acordos co PP en materia orzamentaria, incluso cunha das máis vergoñentas cesións que lle lembramos aos executivos lugueses: a exención do IBI á Xunta, co prexuízo para as arcas municipais, en contrapartida pola dotación do Auditorio. As contas que botamos no seu momento revelan claramente que a administración autonómica vai deixar de pagar ao redor do 75% dos impostos locais polos que tributaba anualmente, resultando a clara beneficiaria do acordo. Un pacto de última hora que só persegue unha foto inaugural compartida e que agocha unha latente rivalidade por ver quen arrima para a súa banda maior número de votos. Nin Berlanga nos ofrecería unha fotografía tan lúcida e deprimente das miserias e picarescas da política”.

A voceira da formación iniciou o seu argumentario lembrando as primeiras medidas adoptadas polo equipo de Lara Méndez, entre elas a subida de salario da propia rexedora e a suspensión, “por oito meses” da zona ORA, “tratando de vender unha imaxe de excepcionalidade que tres anos se encargaron de converter na normalidade luguesa. Xa non é que non se movesen un só milímetro cara á municipalización deste sistema,  de cara á súa restauración provisional (que como todas as provisionalidades deste Concello, é de supoñer que sexa definitiva de facto), senón que aínda por riba tivemos que tragar coa propaganda municipal sobre a creación de estacionamentos disuasorios ou o incremento do tamaño das prazas nos parkings privados que, de momento, aínda non redundaron na comodidade dos usuarios”.

“E, mentres se traballa así de eficientemente por agravar os problemas de mobilidade da capital, o panorama non é mellor noutras áreas. Nada se sabe, por exemplo das modificacións previstas dos regulamentos do Pleno e de Participación Cidadá”.

Suspenso

Pérez Herráiz aproveitou a súa intervención para repasar algunhas das áreas nas que, a xuízo de Lugonovo, suspende o goberno.
“Unha candidatura como a nosa naceu nun intre de emerxencia social e, consecuentemente, o seu norte é a política social. Chegamos a este Concello pensando que cun partido que se chama socialista poderiamos alcanzar acordos e a implementar políticas para que ninguén quedase atrás. Foi, claro, una ensoñación que axiña se ocuparon de corrixirnos”.

“Atopamos hoxe, despois de tres anos, uns servizos de benestar social que se manteñen nas mesmas condicións que ao comezo da lexislatura, incluso cando a realidade social cambiou e moitas das problemáticas foron a máis. Temas aos que parecen incapaces de dar solución como a situación de abandono da Tinería que se perpetuará mentres non saian ao encontro dos problemas reais do barrio e da situación das mulleres que exercen nel a prostitución”.

“Tamén temos que falar de contratos. Dende os escasos avances que experimentaron as remunicipalizacións previstas, ata as condicións das persoas empregadas polos servizos externalizados. Auténticos contratos lixo, a maioría con xornada parcial e nalgúns casos case traspasando o límite legal, con soldos realmente mínimos. No caso de Axuda no Fogar, por exemplo, aos traballadores non se lles contempla o traslado entre domicilios dentro da cidade, nin como tempo de traballo, nin a nivel de dietas de desprazamento. E o que resulta peor: o goberno o consinte”.

“En xeral, en materia de contratación, apreciamos un escurantismo que nos resulta inxustificable. O resultado son perdas que, estimamos, se sitúan en torno ao 20% anual, por manter externalizacións caducas, en moitos destes casos ligadas ademais a empresas investigadas no marco da operación Pokemon.”

“O control destas concesións tamén vai máis alá de toda lóxica. ¿Ou como pode entenderse senón a falla de seguimento de aspectos tan simples como que as cifras de persoal contratado sexan acordes aos pregos?, ¿ou que en xeral se cumpran os requisitos que estes estipulan? ¿Quen supervisa a calidade das obras contratadas? Poño por caso a sede da policía, ou a gardería Gregorio Sanz, o Mihl ou edificios de nova costrución que necesitaron grandes investimentos en reparacións que as garantías non cubriron”. 

“Lugo é unha cidade que conta con grandes atractivos turísticos. Sen embargo, en datas tan sinaladas coma o 25 de xullo ou o 15 de agosto, os museos municipais permaneceron pechados grazas á fosilización que vai camiño de experimentar a adxudicación do contrato para a atención ao público nestas instalacións. Outras licitacións, como os comedores das escolas infantís ou o servizo de actas quedaron desertos pola errática provisión que se fixo dos mesmos e, incluso aqueles que proceden do plan Urban, sofren a mesma improvisación”. 

Herráiz recorda que o pasado mes de agosto Lugonovo denunciou que o contrato menor asinado para dotar de persoal ao Vello Cárcere remataba. “Alertabamos sobre un novo reparo de legalidade e acertamos, co agravante de que se realizaran vía contratos menores, precisamente para esquivar o trámite dun prego e, aínda así, este goberno foi incapaz de cumprir cuns estándares de eficacia”.

Cristina Pérez Herráiz fixo referencia tamén ás continuas obxecións da Intervención Municipal e tamén ás advertencias deste departamento sobre o atraso no pagamento das facturas aos provedores.

“Por moito que o intenten, é difícil disimular o feito de que as contas municipais poden ser controladas por parte do Estado. Un feito gravísimo que resulta aínda menos comprensible nun goberno que presume de ter finiquitada a débeda. Non é que confiemos no señor Montoro moito máis ca en vostedes pero, como comprenderán, cando hai dúas versións dun feito, ambas poden ser falsas mais sabemos que, cando menos, unha delas seguro non é certa”. 

En canto á problemática que afecta ao persoal, a portavoz de Lugonovo salientou a desorganización e o extremado desaxuste que sofre o Concello. “Espero que teñan a ben recoñecer que a Relación de Postos de Traballo está fallida e non pode dar resposta ás necesidades reais de Lugo. Non só se manteñen prazas previstas sen cubrir, senón que temos parte dese persoal traballando en postos e tarefas distintas do seu ámbito competencial natural. Departamentos reducidos á mínima expresión mentres outros permanecen sobredimensionados”. Cristina Pérez pediu tamén explicacións: “¿cal é a eficacia do seu modelo de horas extras que longamente supera o orzamento asignado e ten sen efectivizar aínda un mecanismo de control sobre o cumprimento dos horarios?.”

Un Concello xudicializado e paralizado

Para concluír, a voceira da formación fixo un repaso polo ámbito xudicial no que o executivo mantén varias frontes abertas: o derrubo das torres do Garañón, a Fábrica da Luz “así como moitas outras cuestións vecenlladas á política laboral do PSOE”.

Pérez Herráiz remataba a súa quenda de palabra enumerando algúns exemplos da longa lista de proxectos anunciados polo executivo e que, polo momento, aínda non se materializaron: os ascensores de Fontiñas e o Sagrado Corazón, o desdobramento da Avenida Infanta Helena, os itinerarios escolares seguros, as beirarrúas para o CEIP das Gándaras, as termas públicas, etc… cualificando a xestión do goberno de “mediocre, no mellor dos casos”.

“Para enderezar a situación, señores do goberno, comecen por admitir as críticas, por estudalas e por poñer sobre a mesa os mecanismos nesarios para subsanalas. Non demoren por máis tempo as solucións. Se queren sacar Lugo adiante, terán en nós un apoio… para seguir facendo o mesmo que ata o de agora, non é que nos vaian atopar de lado, é que nos terán en fronte”.