Lugonovo traslada ao Pleno unha proposta para esixirlle ao goberno central a transferencia dos fondos acordados no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero

Lugonovo trasladará ao vindeiro Pleno unha proposta para instar ao goberno central a cumprir co acordado no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

“A iniciativa foi votada o pasado 9 de outubro polo Congreso dos Deputados para que, con cargo aos Presupostos Xerais e, durante os próximos cinco anos, se destine aos Concellos, vía tranferencia, un incremento anual de 20 millóns de euros para loitar contra esta lacra e asistir, de forma integral, ás súas vítimas”, explica a portavoz da formación, Cristina Pérez Herráiz.

“Sen embargo, a decisión do executivo estatal de non presentar, ata o de agora, un proxecto orzamentario para 2018 non pode abortar a aplicación dese Pacto” –  abonda a voceira – “de maneira que, se é preciso, no caso de prorrogarse as contas deste exercicio, deberá realizarse a modificación de créditos oportuna que posibilite darlle cumprimento”.

Dende Lugonovo sinalan a necesidade de que as corporacións municipais sumen esforzos e se adhiran a esta petición, instando ao goberno central a aplicar inmediatamente as medidas recollidas no devandito documento, entre as que destaca, ao seu xuízo, a necesidade de eliminar a taxa de reposición de efectivos, de maneira que dende o ámbito autonómico e municipal se poida contar e contratar ao persoal suficiente para garantir o correcto desenvolvemento das competencias en materia de atención xurídica, psicolóxica e social ás mulleres agredidas e aos seus fillos.