Lugonovo propón retranquear os estacionamentos para despexar a visibilidade nos pasos de peóns das contornas escolares

Cando vén de entrar en vigor a redución da velocidade nas Avenidas de Ramón Ferreiro e Rodríguez Mourelo e tamén na Piringalla, Lugonovo lamenta que non se aproveitara a ocasión para acometer, xunto coa nova sinalización, outras tarefas que melloren a seguridade viaria da zona.

“Este era o momento oportuno para retranquear as prazas de estacionamento que se atopan máis próximas aos pasos de cebra, liberando as súas inmediacións – di Victoria Esteban – co obxectivo de gañar en visibilidade”.

A concelleira da formación refire que Lugo é unha das capitais galegas nas que se producen máis accidentes con feridos. “Detrás da súa casuística atópase, entre outros, un factor sobre o que sí é posible intervir. Só habería que despexar o espazo reservado ao cruzamento, que moitas veces queda oculto pola errática disposición do mobiliario urbano e pola invasión que fan os vehículos do seu límite”.

“Un bo exemplo témolo ás portas do Ceip das Mercedes, onde hai que extremar as precaucións para pasar dunha marxe a outra e acceder ao centro”, denuncia Esteban Riesco quen insta ao executivo a axilizar estas actuacións para evitar novos sinistros.

“Na vindeira Comisión de Infraestruturas solicitarémoslle ao goberno que encargue ao Gabinete de Tráfico estudar a distancia na que se poden retroceder os aparcadoiros e o resto de elementos que, neste sentido, supoñen unha unha potencial fonte de perigo para os viandantes, con especial urxencia naquelas rúas que se integran nas contornas escolares da capital”, conclúe a edil de Lugonovo.