Lugonovo inicia as conversas con outros grupos para desbloquear a aplicación dos orzamentos

Lugonovo votou en contra dos presupostos de 2018. A decisión foi avalada pola maioría dos asistentes á Asamblea celebrada o mércores pola Plataforma.

“Estes non son os nosos orzamentos – di a portavoz. Son unhas contas infladas, irreais, electoralistas e irrealizables que a penas difiren das que xa presentaran para este exercicio, que non resolven as grandes eivas do Concello e que deixan de lado a intervención social, para nós, un dos principais piares da política municipal”.

Cristina Pérez Herráiz tamén argumenta que a negativa da organización a respaldar o documento debeuse, en parte, ás maneiras do executivo.

“Nesta ocasión, o goberno nin tan sequera fixo o amago de sentarse a negociar, algo que non nos parece de recibo cando representa só un terzo da Corporación. Por non falar da súa vontade de transparencia, máis ben escasa, tendo en conta que non deron a coñecer polo miúdo cales eran os proxectos concretos que figuraban, por exemplo, en partidas como o Plan de Barrios, ata que non se viron na tesitura de ter que respostar a unha emenda no transcurso da Comisión de Contas”.

O non de Lugonovo súmase así ao do resto de grupos que conforman o Pleno polo que, nestas circunstancias, só se habilita un único escenario: o da cuestión de confianza.

“A xestión desenvolvida polo equipo da Señora Méndez nestes dous anos esperta en nós máis recelos que conviccións. Sen embargo, o camiño xa está trazado. Por unha simple cuestión numérica, estes presupostos entrarán en vigor antes ou despois e, polo tanto, sen concordar con eles en fondo e forma, non cremos que sexa produtivo para ninguén perder máis tempo”, adianta Pérez Herráiz quen esta mesma mañá iniciou os contactos co resto de agrupacións de esquerda para tratar de acadar os apoios que permitan a aplicación do orzamento xa en xaneiro.

“Queremos que o noso voto na sesión da Cuestión de Confianza sexa útil para a cidadanía e así nos decantaremos. Agardaremos, polo momento, a coñecer a decisión que tomarán o resto das forzas da Corporación ao respecto, manifestando, iso si, que o noso propósito non é o de atrasar algo inevitable porque Lugonovo nunca propiciará un executivo de dereitas”, conclúe Cristina Pérez.