A portavoz de Lugonovo consegue evidenciar no Pleno que o goberno mentiu sobre a previsión de ingresos dos orzamentos

¿Ata onde nos podemos fiar deste goberno – pregunta Cristina Pérez Herráiz – se son capaces de mentirlle á cara ao Pleno para xustificar o seu proxecto de orzamentos?

A portavoz de Lugonovo repróchalle á concelleira de economía que, “consciente e intencionadamente faltara á verdade, con tal de xustificar unhas contas que dependen dun incremento irreal de ingresos”.

“Parécenos gravísimo que diante do Interventor, a señora Prieto se atreva a terxiversar os números para vendernos un documento contable xa de por sí difícil de dixerir, sen que iso lle produza ningún tipo de rubor”, subliña a voceira da formación quen, no transcurso da sesión de onte, solicitou a aclaración formal correspondente para que constara en Acta a falsidade vertida e a explicación de que o I.V.E. correspondente ao servizo de limpeza e recollida de lixo non se reflicte no orzamento e, polo tanto, non se lle pode atribuír a esta cuestión a suba de ingresos que prevé o executivo para 2018.

“É bastante máis probable – advirte Cristina Pérez Herráiz –, que ese aumento entre pola vía da recadación de multas, especialmente polas que impoñen os radares da Ronda da Muralla, que polo imposto dos buses“,  conclúe a portavoz de Lugonovo, “o que ocorre é que, ao mellor, ao executivo lle resulta menos rentable, a nivel electoral, explicalo así”.