Lugonovo cualifica de pouco ambiciosa a axenda cultural para o Nadal

Os edís de Lugonovo lamentan que “pouco ou nada” aproveitara o goberno a proposta que a formación lle trasladou para converter o Nadal no terceiro referente festivo da cidade tralo Arde Lucus e o San Froilán.

“Hai tempo convidamos ao executivo a desenvolver durante estas festas unha programación cultural máis variada. Que tratara de potenciar a participación da veciñanza e que descentralizara o ambiente de celebración do casco histórico para estender a ambientación propia destas datas aos distintos barrios da capital“, explica Victoria Esteban. “Pero os anos pasan e non apreciamos ningunha modernización na axenda que elabora este Concello”.

“Malia que agradecemos a posta en valor que se fai das novas instalacións culturais, botamos de menos, por exemplo, que non se tiveran en conta edificios tan emblemáticos como a Praza de Abastos para impartir nel os obradoiros de cociña no canto de no Vello Cárcere. Asemade de parecernos máis acaído, cremos que tamén serviría como reclamo para fomentar as compras no comercio local”.

A concelleira lembra que Lugonovo apostaba por desenvolver neste recinto, para promocionar tamén a súa recente reforma, outras accións como coloquios sobre maridaxe de viño ou cervexa cos pratos típicos das festas e mesmo demostracións gastronómicas que tiveran como ingredientes produtos autóctonos que se puideran adquirir no propio mercado. “Algo máis ambicioso que facer tanto deste espazo, como do propio Mihl, meras ludotecas”.

“A nosa iniciativa pretendía encher de animación todas as prazas e espazos públicos, dentro e fóra de Murallas e, especialmente, na rúa –  abonda Esteban Riesco – mediante a colaboración co alumnado da Escola de Música, do Conservatorio ou doutras agrupacións do municipio”.

Convocar concursos de ornamentación exterior dos inmobles ou impulsar a recollida solidaria de xoguetes eran outras das suxestións achegadas por Lugonovo para poñer en marcha durante o Nadal coa fin de dinamizar a capital e de favorecer tanto a conciliación familiar como o consumo responsable, “aspectos, todos eles, nos que a programación actual redunda máis ben pouco”, estima Victoria Esteban.