Lugonovo abstense na Cuestión de Confianza

Lugonovo abstense na Cuestión de Confianza, outorgado un “suspenso” ao goberno e con esa cualificación define tamén o nivel de confianza que a formación ten na súa capacidade de xestión.

“Só hai que observar con detemento a situación da cidade: absolutamente paralizada e que apenas se transformou en todo o 2017. Este volve ser un exercicio perdido”, lamenta Cristina Pérez Herráiz.

“Son vostedes un executivo de esquerda que pacta coa dereita para cousas socialmente tan proveitosas como manter os seus privilexios salariais ou hipotecar ao Concello para que o equipamento do Auditorio lle saia gratis á Xunta. O resumo, pola nosa parte, non pode ser máis negativo – reprocha Cristina Pérez Herráiz. A valoración que facemos sobre o seu traballo é mala como tamén o é a das contas que hoxe vinculan a esta cuestión de confianza”.

“Un proxecto de orzamentos que non quixeron negociar con ninguén, que non solventa ningunha das carencias que nós observamos no municipio e que chega, fiel ao seu estilo: a destempo. Todo un cúmulo de circunstancias que resulta imposible non condicionen o noso voto”.

“Sen embargo, cremos, Señora Méndez, que xa trazou vostede o camiño a seguir e, por unha simple cuestión numérica, estes orzamentos entrarán en vigor antes ou despois. Esa é, para nós, a única diferenza entre votar si ou non: 30 días de espera. Vaia por diante que a nosa pretensión era a de ser útiles para a cidadanía e non atrasar máis o inevitable sen embargo, a fragmentación deste Pleno impuxo que esa decisión non dependera exclusivamente de nós. A proposta de Lugonovo, ante a incapacidade manifesta do executivo, foi, no seu día, a de aunar a toda a esquerda. Ese mesmo sentido da responsabilidade o mantemos aínda hoxe porque o que xa lles adiantamos é que, pase o que pase a partir de agora, Lugonovo nunca apoiará un goberno de dereitas”.