A abstención do PP frea a unanimidade para a proposta de Lugonovo de esixirlle ao goberno o cumprimento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Lugonovo acadou a maioría para a súa proposta de instar ao goberno central a cumprir co acordado no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

“O pasado 9 de outubro o Congreso dos Deputados acordou que, con cargo aos Presupostos Xerais e, durante os próximos cinco anos, se destine ás administracións locais, vía tranferencia, un incremento anual de 20 millóns de euros para loitar contra esta lacra e asistir, de forma integral, ás súas vítimas”, explicaba esta mañá a voceira da formación durante a súa intervención no Pleno.

“Sen embargo, a decisión do executivo estatal de non presentar, ata o de agora, un proxecto orzamentario para 2018 non pode abortar a aplicación dese Pacto” –  abondou a portavoz – “de maneira que, se é preciso, no caso de prorrogarse as contas deste exercicio, deberá realizarse a modificación de créditos oportuna que posibilite darlle cumprimento, e neses termos queremos que o noso Concello así llo solicite”.

Cristina Pérez Herráiz lamentou a falta de vontade amosada polo Partido Popular ao decantarse pola abstención no seu posicionamento á hora de respaldar esta moción, trala cal a Corporación secundou un minuto de silencio para condenar o último asasinato machista, cometido hoxe nunha localidade de Guadalaxara.

Por outra banda, durante a sesión, os concelleiros de Lugonovo volveron amosar o seu rexeitamento á modificación da ordenanza que regula o Imposto de Bens Inmobles para permitir que o Concello poida eximir do IBI a varios centros sanitarios da Xunta como contrapartida por equipar o Auditorio.

A agrupación municipal rexistrara o pasado novembro unha alegación ao respecto ao entender que a realidade xurídica da operación reflictía “a devolución dun préstamo encuberto”.

Dende Lugonovo, os edís insisten en que “esta manobra non é máis que o resultado dun pacto ou convenio coa Xunta de Galicia cuxa finalidade é heterodoxa e que incorre nunha desviación de poder. Noutras palabras, unha chantaxe á que Lugonovo seguirase opoñendo, se fora necesario, impugnándoa xudicialmente”, conclúe a voceira.