Lugonovo di NON a unha moción de censura liderada ou apoiada pola dereita

NON”. A posición de Lugonovo sobre unha moción de censura liderada pola dereita é absolutamente clara.

E así o trasladou a súa portavoz esta mañá no encontro mantido por tódolos voceiros que integran a oposición na Corporación para debater sobre as posibilidades de que prospere unha alternativa de goberno encabezada ou apoiada polo Partido Popular ou por Cidadáns.

NON. Non queremos un executivo do PP, nin tampouco da súa cara B. Nin nos sumamos a ningún proxecto no que ámbalas dúas formacións poidan exercer a súa presión e represión dende a retagarda. A resposta de Lugonovo a súa oferta é NON, NON de entrada e NON de saída tamén”.

Cristina Pérez Herráiz abonda na decisión da organización.

“Non é unha elección improvisada, forma parte da nosa esencia. Porque Lugonovo cre nunha democracia real e participativa, na defensa e salvagarda dos dereitos e liberdades sociais, aposta sempre polo público e, polo tanto, as nosas políticas resultan absolutamente antagónicas ao neoliberalismo que estes partidos impoñen alí onde conforman maioría”.

“Tampouco é unha determinación repentina” – continúa a portavoz – “porque levamos un ano propoñendo, ante a evidente ineficacia do actual executivo, que toda a esquerda se agrupe para erixir un goberno forte e estable que non dea ao traste coa lexislatura. Unha mágoa que os grupos que hoxe se sentaron a negociar a saída da alcaldesa non tiveran a ben facelo con nós, no seu día, para construír o que Lugonovo entende, sería a única solución factible e viable ao caos no que se converteu a xestión municipal. O resto, e isto non o di Lugonovo senón a realidade numérica e o crisol ideolóxico que reflicte o Pleno, non é máis que un brinde ao sol, produtivo para ningúen e un enredo de curto percorrido ao que Lugonovo non se presta”.

A formación maniféstase proclive, iso sí, a manter aberta unha vía de diálogo co resto dos grupos para tratar de desbloquear, puntualmente e de forma conxunta, asuntos transcendentes para a cidade polo seu interese xeral.