Lugonovo denuncia o deterioro do Camiño Primitivo ao seu paso polo Carril das Frores

Os edís de Lugonovo instan ao goberno a acondicionar e poñer en valor o tramo do Camiño Primitivo que discorre polo Carril das Frores ata confluír coa Rolda da Muralla.

“A senda semella, neste enclave, ser calquera outra corredoira local e non formar parte dunha das rutas máis senlleiras a Compostela“, lamenta a portavoz. “Algo impropio e que non se corresponde nin coa súa transcendencia nin co mínimo de seguridade que debera garantir tanto para os peregrinos como para o resto dos viandantes”.

Os concelleiros da agrupación cren que a protección da cidadanía non pode seguir supeditada ao desenvolvemento urbanístico proxectado para a zona, unha actuación que, ao seu xuízo, “prospera a marchas forzadas” e que non debera condicionar o inicio doutras intervencións que resolvan os atrancos de accesibilidade que presenta a contorna.

“A veciñanza, especialmente os peóns que teñen algún problema de mobilidade ou precisan circular con cadeiras de rodas ou carriños de bebé, non poden facer uso da escalinata e están obrigados a saír desta rúa por un punto no que quedan completamente expostos ao tráfico rodado”, di Cristina Pérez Herráiz.

Unha situación, segundo explica a voceira, á que hai que engadir o pésimo estado no que se atopa o pavimento da calzada e que constitúe un foco de malestar e preocupación para os residentes, que xa trasladaron as súas queixas en varias ocasións ao Concello sen que, ata o momento, se lle puxese remedio.

“Consideramos que se trata dunha eiva moi importante, en tanto afecta á salvagarda da poboación e á conservación do noso Patrimonio, recoñecido internacionalmente e, polo tanto, dende Lugonovo promoveremos unha iniciativa nas vindeiras Comisións de Pleno para que o executivo se faga cargo desta circunstancia e, sen máis dilación, lle dea, aínda que sexa de forma provisional, a solución axeitada”, conclúe Pérez Herráiz.