Lugonovo pide acondicionar a Rúa do Vicedo, convertida nunha "trincheira de coios"

É a ¿rúa? do Vicedo, mais polo seu estado semella unha lameira.

Sen rastro xa de calquera tipo de pavimento, a vía converteuse nunha corredoira de barro, chea de pedras e foxos que dificultan as manobras dos condutores que a transitan.

Pegada á Muralla e pese as condicións nas que se atopa, este camiño exerce de estacionamento disuasorio, como mal menor á falta de dotacións públicas. Sen embargo, os edís de Lugonovo, cren que xa é hora de que o goberno reaccione á realidade e programe unha intervención que garanta, minimamente, a súa conservación.

“A nosa formación propuxo ao Pleno, xa en setembro de 2016, a adquisición dos terreos lindeiros a esta rúa coa fin de transformalos nun aparcadoiro e de dar servizo á cidadanía, ante a evidente necesidade deste tipo de infraestruturas na capital –  lembra a voceira –  sen que, polo momento, houbera un só progreso ao respecto. O executivo argumenta que existen certas complicacións coa titularidade dunha desas parcelas, que impide avanzar nas expropiacións, pero cremos que iso non serve de escusa para consentir o seu deterioro ata o punto de convertela nunha trincheira de coios”.

Os concelleiros de Lugonovo estiman en medio cento o número de automóbiles que cada xornada ocupan as marxes deste sendeiro que discorre paralelo a un dos laterais do centro educativo San José e para os que  percorrer este traxecto, por pequeno que sexa, pode ter serias consecuencias.

“A envergadura das fochancas que presenta é considerable o que pode propiciar, por unha banda, que os turismos sufran algún dano durante os desprazamentos, por non falar do que supón para o viandante ter que ir pisando as pozas cada vez que chove”, advirte Cristina Pérez Herráiz quen adianta que a agrupación municipal presentará un rogo ás vindeiras Comisións solicitando o arranxo urxente da pista. “Tan sequera, botarlle unha capa de saburra”, conclúe a portavoz.