Lugonovo pregunta polo futuro dos ceadores do parque do Pazo de Feiras

O Grupo Municipal Lugonovo quere saber cal é o futuro que lle agarda aos ceadores do parque do Pazo de Feiras e Exposicións, despois de que o último que quedaba en pé fose derrubado polo temporal Bruno.

“A imaxe que ofrece esta área non pode ser máis desoladora”, refire a portavoz. “As dúas estruturas instaladas neste espazo non son hoxe máis que unha morea de lousas e taboleiros que só afean a paisaxe, trasladando unha sensación de desleixo á contorna á que tamén contribúe a desfeita que provocaron no terreo as rodadas da maquinaria pesada que debeu circular pola zona estes días”.

Cristina Pérez Herráiz avanza que  a formación preguntará ao goberno polos plans que ten a administración para recuperar estas construcións que “daban un servizo moi estimado á cidadanía durante todo o ano e que sería unha mágoa perder de non restaurarse”.

“Nas próximas Comisións interpelaremos ao executivo – conclúe a voceira – para que nos explique as causas que propiciaron o seu derrubo, nun dos casos, e a súa retirada no outro e tamén para que nos indique se proxectan manter estes ceadores e cando volverán estar a disposición da veciñanza”.