Lugonovo preguntará ao goberno polas medidas de protección animal que se aplican no concello

Lugonovo interpelará ao goberno para coñecer cales foron as medidas adoptadas polo Concello, dende o ano 2015, para garantir o benestar dos équidos despois de que na xornada de onte, se atopase, nun vertedoiro da parroquia de Muxa, unha egua morta con evidentes síntomas de desnutrición.

“A cruel aparición suscitou reaccións inmediatas entre a cidadanía pero tamén nas agrupacións e movementos de protección animal, como a entidade Libera, esixindo explicacións, por parte do executivo, dos mecanismos que a administración local emprega para controlar e evitar casos de maltrato coma este”, refire Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación traslada deste xeito o malestar do colectivo activista co que comparte a necesidade de volver poñer sobre a mesa o debate sobre a defensa dos dereitos dos animais en Lugo e a sensación de pasotismo que, ao respecto, transmite a inacción do equipo de goberno.

“Non hai máis que ler as declaracións realizadas polo edil de Desenvolvemento Sostible nas que aseguraba que o Concello non se adaptou aínda á lei de Benestar Animal porque se lle botou enriba o Nadal”, reprocha Pérez Herráiz quen atopa “ridículo” que o máximo responsable deste departamento “descargue responsabilidades aludindo á repentina e sorprendente chegada das festas”, ironiza.

“Se ben, esta normativa exclúe aos équidos do seu ámbito de cobertura, sí existen outras de rango autonómico e estatal que permiten traballar na prevención de prácticas como a acontecida, como é, por exemplo, a obriga de identificar con microchip a tódolos exemplares desta especie”, sinala a portavoz de Lugonovo, “e, neste sentido – adianta Cristina Pérez –  remitiremos ás Comisións de Pleno varias preguntas para que se nos dea conta das actuacións de inspección desenvolvidas, dende a institución municipal, nos últimos tempos e dos prazos nos que ten previsto elaborar a Ordenanza de Protección Animal para adaptala a ese novo marco xurídico”.