Lugonovo afronta 2018 renovando a súa Coordinadora e marcando un ambicioso plan de traballo

A Asemblea Ordinaria de Lugonovo, reunida na noite do 16 de xaneiro, procedeu á renovación dos postos vacantes na nova coordinadora da organización. Co obxectivo de afondar na pluralidade e na diversidade de perfís, cinco persoas foron escollidas para integrarse neste organismo atendendo á súa demostrada valía e a patróns de xénero, idade e outros factores que aseguren o pluralismo de visións e de traxectorias. Desta maneira, as persoas que se integran nunha Coordinadora de importante capital político, habida conta do ano e medio escaso que resta para a cita coas urnas de 2019, son Oscar Pita Corbelle, Amanda Díaz Pena, Sagrario Fernández Méndez, Soledad López Ares e Carlos Baliñas Pérez.

Igualmente, as persoas asistentes fixaron o rumbo de Lugonovo para o ano 2018 mediante o debate e aprobación dun documento estratéxico onde se recolle un ambicioso calendario de actividades e encontros por toda a cidade. Traballo a realizar co obxectivo de incorporar as demandas cidadás ao discurso e ao labor institucional de Lugonovo.

Na mesma xuntanza, a Asemblea foi informada e ratificou as contas internas tanto da organización como do Grupo Municipal no xa rematado exercicio de 2017, así como aprobou as previsións económicas para 2018.