Lugonovo traslada ao Pleno a necesidade de mellorar a accesibilidade ao centro de saúde de San Roque e á súa contorna

Que o Concello inicie os estudos técnicos precisos coa fin de desenvolver proximamente unha mellora das condicións de accesibilidade ao Centro de Saúde de San Roque e á súa contorna.

Ese é o obxectivo da proposición que Lugonovo trasladará ao vindeiro Pleno Municipal coa fin de corrixir un grave problema de habitabilidade denunciado, en numerosas ocasións, pola veciñanza desta parte da capital.

“Este barrio é un dos que presenta, dentro da cidade, unha orografía máis complexa”, explica a portavoz da formación.  “Todo o enclave destaca pola súa pronunciada pendente o que, xa de por sí, dificulta moitísimo a mobilidade”.

Cristina Pérez Herráiz sinala que, precisamente, esta instalación sanitaria, sita na confluencia das rúas Peña Anda e Ramón Montenegro supón o mellor exemplo dos atrancos que deben superar os viandantes para trasladarse polas inmediacións.

“As queixas que nos chegan, por parte dos usuarios do ambulatorio, son continuas. A falta dunha pasarela que o comunique coas vías dos arredores, obriga ao peón a ter que percorrer unha xincana de escaleiras, sen beirarrúas de dimensións axeitadas e coa única opción de baixar ata Fontiñas para atopar un paso de cebra polo que cruzar. Unha conxuntura nada apropiada para o edificio do que se trata”. 

Á espera de que o ascensor proxectado nesta avenida se convirta en realidade e axude a eliminar parte das barreiras existentes, e ante as reiteradas protestas que a poboación vén formalizando ao respecto, Lugonovo entende que é preciso deseñar tamén unha solución capaz de superar o resto de atrancos que complican os desprazamentos neste espazo.

“Por iso pediremos o apoio do resto dos grupos para que, canto antes, comece a estudarse, de forma conxunta coa instalación do elevador, unha reforma urbanística completa da zona para adaptar a súa topografía ás demandas e necesidades da cidadanía”, conclúe a voceira.