Lugonovo reclama a instalación de aparcabicis e máis colectores de papel nas contornas escolares

Lugonovo vén de solicitar o incremento de colectores de papel e cartón nos espazos habilitados para a recollida de lixo diante dos centros de ensino da cidade que así o requiran.

O Grupo Municipal considera que as dotacións actuais resultan insuficientes para a cantidade de refugallos, procedentes da utilización deste tipo de material, que se xeran nalgúns colexios a diario.

Por outra banda, a formación reclamou tamén apacardoiros para bicicletas nas proximidades das instalacións educativas coa fin de dar servizo ás familias que empregan este medio de transporte para levar e recoller aos seus fillos e fillas da escola.

“Trátase dunha petición que nais e pais reiteran acotío ás Ampas e á que queremos dar traslado no Concello co obxectivo de que o equipo de goberno a tome en consideración e resolva esta carencia ao mesmo tempo que aposta pola sustentabilidade”, sinala Victoria Esteban.

A edil insiste, igualmente, na necesidade de reforzar e poñer en marcha campañas de concienciación medioambiental entre o estudantado.

“Tralas vacacións do Nadal, agora é bo momento para planificar as accións que se poden desenvolver durante o que resta de curso. En Lugonovo cremos que a posta en práctica do que se aprende na escola convirte aos nenos e nenas nun dos principais motores, dentro dos fogares, á hora de separar de forma selectiva os residuos, un factor que, cremos, cómpre aproveitar”, opina Esteban Riesco quen tamén advirte que “os informes publicados por Ecoembes levan anos sinalando que o noso municipio se mantén á cola da reciclaxe en Galicia, moi por debaixo doutras provincias, o que evidencia que hai moito que mellorar e pouco tempo que perder”.