Lugonovo felicítase de que as súas propostas transcendan en Fitur

Lugonovo amosa a súa satisfacción porque o goberno tivera a ben, “por fin”, poñerse a traballar nas iniciativas propostas pola formación, tras coñecer que a alcaldesa anunciou, na 38 edición de FITUR, que o Concello prepara a súa candidatura para declarar o Casco Histórico como Ben Mundial e de cara a entrar na Rede de Cidades Creativas da Unesco, na categoría de gastronomía.

O Grupo Municipal lembra que despois de acadar o respaldo unánime da Corporación, ao respecto, en maio de 2016, no mes de xullo dese mesmo ano, Lugonovo xa lle entregou ao executivo o documento que recollía as liñas xerais de presentación para que a capital optase a converterse en Cidade Gastronómica da Unesco.

“Co fin de evitar que a nosa proposición quedase, como é habitual, no caixón do esquecemento, nós mesmos lle solicitamos ao equipo do Laboratorio do Territorio e Biodiversidade da Universidade de Santiago de Compostela que definira a estratexia a seguir. O esbozo aportado recollía a cronoloxía completa do Plan Alimentario e resumía, entre outros aspectos, o carácter agrario do municipio que o avantaxa na carreira competitiva pola excelente calidade das materias primas das que dispoñemos, así como os retos que se tiñan que abordar e as fórmulas para superalos”, explica a voceira da agrupación.

Cristina Pérez Herráiz lembra ademais que tamén foi Lugonovo quen tivo a determinación de levar ao Pleno do pasado mes de abril a moción para acadar que se estendera a todo o Casco Histórico o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade que xa ostentan a Catedral, o Camiño de Santiago e a Muralla.

“Congratúlanos que a rexedora decidira apostar polas nosas ideas e llas trasladara á opinión pública nun marco tan transcendental para o turismo e, polo tanto, para o municipio, como é a Feira Internacional do sector.  Son, sen dúbida, dúas das propostas que nos fan sentir máis orgullosos do noso labor no Concello no que vai de mandato. E agora que sabemos que o goberno acepta incorporalas á súa liña de acción, agardamos que as desenvolva coa maior eficacia e axilidade posible para que alcancen a repercursión que nós lles proxectamos cando as suxerimos”, conclúe a portavoz.