Lugonovo inicia o seu ciclo de xornadas "Urbes Habitables" no barrio da Tinería

Lugonovo celebrou esta mañá un almorzo informativo para trasladar, entre outros asuntos, a organización por áreas da nova Coordinadora da Organización, referendada durante a pasada Asamblea, e que queda distribuída da seguinte maneira:

  • Portavocía: Víctor Álvarez Arias, Amanda Díaz Pena e Sagrario Fernández Méndez.
  • Organización: Víctor Álvarez Arias e Óscar Pita Corbelle.
  • Finanzas: Manoel Lourido Aguiar e Paula González Fernández.
  • Comunicación: Paula González Fernández e Carlos Neira Suárez.
  • Expansión e Formación: Neves Núñez Delgado, Amanda Díaz Pena, Sagrario Fernández Méndez e Carlos Baliñas Pérez.
  • Relacións Orgánicas: Carlos Neira Suárez e Victoria Esteban Riesco.

Por outra banda, a formación aproveitou para presentar o ciclo de xornadas “Urbes Habitables” co que pretende achegarse aos distintos barrios do municipio para abordar as súas problemáticas e tratar de corrixilas.

Un percorrido que Lugonovo decidiu iniciar na Tinería, co obxectivo de avaliar a situación real desta zona.

“Entendemos que a degradación deste espazo é un proceso case crónico sen que se teña conseguido dar cabo das súas necesidades transversais. Lonxe de propor solucións fáciles ou electoralistas, a nosa organización considera que só unha análise multidisciplinar pode achegar algo de luz que permita afrontar con perspectivas de éxito a súa recuperación. Por iso estruturamos as xornadas en tres bloques: urbanístico, social e económico e en cada un deles contaremos con persoas de recoñecido prestixio”, explica Cristina Pérez Herráiz.

O encontro, que terá lugar o vindeiro sábado 3 de febreiro dende as 10:00 horas no establecemento Vinissi, contará, entre outras relatoras, coa que fora Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda entre 2005 e 2009, Encarna Otero Cepeda; coa Responsable de Muller en Aliad, Ana Barba ou co historiador Adolfo de Abel Vilela.

Tralo evento, os participantes farán un roteiro guiado pola Tinería para coñecer o seu pasado histórico e comprender mellor o seu presente.

“Esperamos que Urbes Habitables sirva non só para chamar a atención sobre un enclave case esquecido no corazón da cidade, senón como unha humilde guía de propostas que poida axudar, primeiramente, a quen habita na zona e á zona mesma”, conclúe Pérez Herráiz.