Lugonovo súmase ás concentracións convocadas por Sos Sanidade Pública

Lugonovo sumouse hoxe á concentración convocada ás portas do Hula por SOS Sanidade Pública contra a reforma da Lei Galega de Saúde.

A portavoz da formación lembra que o Grupo Municipal xa defendera no Pleno de novembro unha proposición, baseada nas reivindicacións desta Plataforma, solicitando a retirada do anteproxecto de modificación da devandita norma así como a apertura dun proceso de debate e negociación dos distintos colectivos e entidades que integran o sector.

“As mobilizacións desta mañá non son máis que a mostra do rexeitamento cidadá que está atopando o Partido Popular ao seu empeño de rematar co sistema sanitario gratuíto e de calidade que impón o Estatuto de Autonomía de Galicia e a Constitución do Estado Español. A poboación está alzando a súa voz para dicir NON a un cambio  que mingua a participación social na xestión e control do sistema, reduce de 11 a 7 as Áreas Sanitarias e desmantela e recorta os recursos dos hospitais comarcais, consolidando, ademais,  a selección dos traballadores sanitarios por libre designación”, advirte Cristina Pérez Herráiz.

A voceira de Lugonovo subliña que, “nestes momentos, o que cómpre é garantir a asistencia sanitaria en condicións de igualdade e non diminuír estas prestacións, como pretende o executivo autonómico”.

“Os lucenses e os galegos, queremos que as Xerencias de Atención Primaria recuperen a súa autonomía e capacidade resolutiva, promovendo e prevendo a saúde dos usuarios e non só reducindo as súas funcións á curación. Cremos que xa é hora de apostar pola participación e pola formación, a  investigación e a innovación con recursos públicos e de que se garanta a equidade de acceso dos mellores profesionais e traballadores ao sistema sanitario en base a criterios de igualdade, mérito e capacidade, desbotando, dunha vez por todas, a arbitrariedade na contratación que caracteriza á operativa do PP”, demanda Pérez Herráiz.