Lugonovo solicita que se convoque o Consello Municipal de Turismo

A piques de cumprirse dous anos da súa aprobación en Xunta de Goberno, Lugonovo solicita que se convoque o Consello Municipal de Turismo.

“Resulta, cando menos, sorprendente que se deixaran transcorrer 23 meses sen que este organismo se teña, tan sequera, constituído”, lamenta Victoria Esteban Riesco, “pese a dispoñer incluso do regulamento que rexe o seu funcionamento”.

“Gustaríanos saber que é o que impide a súa posta en marcha e, sobre todo, gustaríanos que o goberno lle prestara a este asunto a atención que merece, tendo en conta a importancia que o devandito sector ten para a nosa localidade”.

A edil de Lugonovo cre que non é aceptable que as dilacións que “tristemente xa caracterizan á xestión municipal” afecten tamén á tramitación burocrática inicial do Consello. “O que provoca é que dende tódolos estamentos se aprecie como unha entidade prescindible cando o seu artellamento, estamos seguros, resultará altamente produtivo para o Concello a tódolos niveis”.

“Lugo posúe unha inmensa riqueza histórica, arqueolóxica, patrimonial e tamén cultural e artística… pero que cómpre aproveitar, difundir e poñer en valor. O turismo é un dos piares máis importantes sobre os que se sustenta a economía local e, por tanto, queremos que a súa abordaxe sexa prioritaria nas políticas que desenvolva este executivo. Por iso, lle reclamamos algo máis de celeridade á hora de impulsar todas aquelas ferramentas que favorezan a planificación e o deseño das estratexias que melloren a nosa promoción entre os visitantes”, apunta Esteban Riesco.

O Grupo Municipal lembra algunhas das propostas que, neste senso, xa trasladou á Corporación como pode ser a, recentemente anunciada en Fitur, candidatura para ser Cidade Creativa da Unesco na categoría de gastronomía, a extensión da declaración de Patrimonio da Humanidade a todo o Casco Histórico ou mesmo a conversión deste espazo nun “Distrito Erasmus” para revitalizalo e publicitalo no estranxeiro.

“Agora que a propia alcaldesa anunciou a intención de traballar firmemente nestes obxectivos, cremos que resulta máis que recomendable iniciar ese camiño constituíndo e dándolle contido ao Consello Municipal de Turismo, de forma que os representados nel contribúan a definir as accións coas que Lugo debe encarar os retos de futuro. Estamos seguros de que a colaboración que aquí se semente, xerminará de forma frutífera e beneficiosa para toda a veciñanza”, conclúe Victoria Esteban.