Lugonovo insta ao goberno a mellorar a seguridade cidadá en varias contornas da capital afectadas por desniveis pronunciados

O desnivel ronda o metro de altura e “non hai nin un só elemento de protección que lle impida ao peón precipitarse e mancarse ante un descoido ou un tropezo”.

A denuncia faina a portavoz de Lugonovo pola situación de inseguridade na que se atopa a confluencia da Avenida das Américas con Marqués de Ombreiro.

“O punto no que converxen estas rúas presenta unha pendente moi pronunciada sen que exista neste enclave algo tan básico como unha varanda ou pasamáns que free unha posible caída”, di Cristina Pérez Herráiz  quen tamén refire que un contratempo así podería ser grave, tendo en conta que “o chan non é máis que unha superficie rochosa e escarpada que está sen acondicionar”.

“Cremos que instalar un pequeno armazón de balaústres é unha actuación rápida e sinxela, que non custa moito acometer nin en termos económicos nin en horas de persoal e que, en cambio, sí podería evitar desgustos”.

Esta non é a única intervención suxerida, neste mesmo senso, dende Lugonovo. Meses atrás a formación xa propuxera a colocación dun valado para salvagardar a condutores e camiñantes das saídas de vía que, como mesmo sucedeu este fin de semana, se veñen producindo en República Arxentina.

“Resulta evidente, despois de varios sinistros, que se trata dunha medida necesaria – subliña Pérez Herráiz –  porque aínda que ata o de agora tódolos accidentes acontecidos na zona se saldaran, fundamentalmente, con danos materiais en automóbiles e mobiliario urbano, o certo é que poderiamos estar a falar de verdadeiras traxedias se, na traxectoria que collen os turismos cando saen despedidos, se tiveran levado por diante a algunha persoa”.

“Por iso, dende o Grupo Municipal, queremos lembrarlle ao goberno a conveniencia de que o Gabinete de Tráfico estime e tome en consideración as reivindicacións feitas pola veciñanza para estas contornas e estude cómo aplicalas”, conclúe Cristina Pérez Herráiz.