Lugonovo arranca este sábado, na Tinería, o seu ciclo de xorndas "Urbes Habitables"

Lugonovo inicia este sábado, na Tinería, o ciclo “Urbes Habitables”, no que pretende ser un escenario de debate sobre as problemáticas que afectan a distintas contornas da capital e cales as mellores solucións para resolvelas.

A xornada, que comezará ás dez da mañá no establecemento Vinissi, tratará de abordar, dende unha perspectiva multidisciplinar os aspectos urbanístico, social e económico do barrio ante a elevada degradación que experimentou nos últimos tempos.

Urbes Habitables nace coa vocación de ser un punto de encontro para expertos, empresarios e cidadanía no que avaliar a situación real de cada espazo e coa fin de esclarecer cales son os verdadeiros conflitos que frean o seu crecemento ou condicionan a calidade de vida dos seus residentes. Quixemos comezar na Tinería, xa non só pola transcendencia que o Casco Histórico ten para o noso municipio senón tamén porque as diferentes administracións levan meses amosando un especial interés pola recuperación da zona e, quizais, as conclusións que propicie este coloquio poidan servir de guía para tomar as mellores decisións políticas”, explica Cristina Pérez Herráiz.

A voceira de Lugonovo presentará o acto, estruturado en tres partes.

Un primeiro bloque titulado “A Tinería: espazo de oportunidades para a xestión pública e o patrimonio construído”, no que intervirán Encarna Otero Cepeda, Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda entre 2005 e 2009; e o arquitecto e doutor en Rexeneración Urbana e Desenvolvemento Económico, Iago Lestegás Tizón.

Un segundo apartado “Urdindo comunidade”, no que participarán a traballadora social Marisé Fernández Méndez; a Responsable de Muller en Aliad, Ana Barba Núñez e o doutorando en Dereito Público,  Andrei Quintiá Pastrana.

E, finalmente, baixo o nome “Porta con porta: o reto da veciñanza”, a xornalista Nieves Neira Roca e o historiador Adolfo Abel Vilela aportarán, co seu relato, o punto de vista máis persoal sobre a evolución que sufriu o barrio para, a continuación, realizar un roteiro guiado da man de Ana Goi, profesora da USC, licenciada en Xeografía e Historia e especialista en Historia da Arte Antiga e Medieval.

Clausura a xornada o portavoz de En Marea, Luis Villares Naveira.