Lugonovo cre que o proxecto de reforma interior da Tinería pode acabar sendo un segundo Garañón

“É un perigo”.  Nestes termos cualifica a portavoz de Lugonovo o plan de urbanización previsto para a zona entre a Tinería e a traseira do sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes.

Cristina Pérez Herráiz sinala que “a reforma que se pretende desenvolver no interior deste barrio baséase en tantas irregularidades que, de non corrixirse, pode derivar nun segundo Garañón”.

“A disposición dos edificios resulta moi cuestionable. As volumetrías que pretende son excesivas ata tal punto que poderían impedir as vistas da Catedral dende algún enclave concreto no que hoxe sí é posible observar o monumento. Mentres que o espazo dotacional é escaso e a proporción que se reserva para vivenda protexida, ridícula. Por non falar – abonda a voceira – das dimensións que contempla para aparcadoiros cando, nesta parcela, vén determinada a imposición dunha praza de estacionamento por cada cen metros construídos”.

“Resúltanos especialmente bochornoso – continúa Pérez Hérraiz – que a Xunta interveña como unha das promotoras principais desta aberración, escollendo especular no canto de rehabilitar e máis cando se trata dunha cidade que ten 12.000 vivendas baleiras e dunha contorna cun alto nivel de protección”.

A portavoz de Lugonovo destaca que todas estas consideracións  non obedecen só ao criterio político que mantén a formación ao respecto desta cuestión, senón que forman parte das conclusións que se puideron extraer do descurso de destacados especialistas na materia que interviron, o pasado sábado, na Xornada Urbes Habitables que organizou a Plataforma.

“Agora, cando comeza, seguindo a vía ordinaria, o trámite de avaliación ambiental do proxecto é cando se debe debater e abordar qué futuro quere a veciñanza para esta parte da capital: se deixar cega á Tinería ou se apostar por outra liña continuísta coa configuración arquitectónica actual. Agora aínda estamos a tempo de evitar que as cousas se sigan facendo mal porque, ¿Lugo realmente quere e necesita unha intervención urbanística coma esta? ¿Ten sentido erguer novas edificacións xusto ao carón dun barrio practicamente abandonado, cando xa conta con tantos inmobles de gran valor patrimonial agardando a ser restaurados?”, cuestiona Cristina Pérez. “Nós  témolo claro!”.