Lugonovo pregunta ao goberno polo control sobre os espectáculos pirotécnicos nas festas locais

Lugonovo preguntará na Comisión de Cultura deste xoves se o goberno seguirá contando coa empresa que se encargou dos espectáculos pirotécnicos nas últimas edicións das festas locais despois de que esta compañía fose investigada pola Garda Civil de Palencia por un presunto delito de estafa.

“Esta firma foi a adxudicataria de varios contratos menores para a realización dos fogos de artificio tanto do Arde Lucus como de San Froilán durante os últimos anos e queremos saber cántos cartos leva percibidos deste Concello por eses traballos e qué melloras ofrecía con respecto ao resto de competidoras que concorreron á convocatoria para facela meritoria do seu outorgamento”, refire Victoria Esteban.

A concelleira explica que as dúbidas do Grupo Municipal xorden despois de que a Unidade de Intervención do corpo armado practicara o pasado mes de xaneiro varias detencións contra catro membros desta empresa por, supostamente, trampear a cantidade da pólvora contratada nas celebracións de San Juan de Baños e Santa Rosa de Lima en 2017.

“Á vista do acontecido nos preocupa que en Lugo tivera ocorrido algo similar e por iso interpelaremos ao executivo sobre os mecanismos de control que exerceu no seu momento, para que nos explique se existiu ese labor de supervisión, en qué consistiu e quén foi o responsable de vixiar e comprobar que se cumpriran os requisitos esixidos dende a institución”, afirma a edil.

“Ademais queremos que se nos indique se, tras estes feitos, os departamentos de Cultura e Xuventude pensan seguir recorrendo aos servizos da devandita compañía de cara a próximos festexos”, conclúe Esteban Riesco.