Lugonovo insiste na incertidume sobre o cumprimento do contrato dos espectáculos pirotécnicos das festas locais

“Perplexa”. Así é como manifesta ter saído da Comisión de Cultura a portavoz do Grupo Municipal Lugonovo ante as respostas dadas polo executivo ao respecto do control exercido sobre o cumprimento dos   requisitos esixidos para os espectáculos pirotécnicos durante as festas locais.

“Unha vez máis, a concelleira sáese pola tanxente con desculpas de mal pagador agardando que confiemos cegamente no seu testemuño cando, por desgraza, o que nos demostra é que só se basea en medias verdades.  Porque pouca credibilidade pode ter cando asegura que se respectaron os termos do devandito contrato pero, sen embargo, non é quen de explicar qué tipo de vixilancia se fixo nin tampouco quén a levou a cabo”, reprocha Cristina Pérez Herráiz.

A formación rexistrara varias preguntas para que o goberno aclarase con detalle os criterios de selección dos referidos concursos e tamén a supervisión que se fixo da súa execución, tendo en conta que a adxudicataria está sendo investigada pola Garda Civil por cometer, presuntamente, un delito de estafa en varios municipios leoneses ao trampear a cantidade de pólvora empregada nos fogos de artificio.

“O Concello otorgoulle a esta empresa o servizo por ofertar maior densidade e volume de artefactos así como unha maior duración do espectáculo e, aínda que non se nos trasladou ningunha proba que certifique que así foi, o que xa se nos advertiu é que seguirán contando con esta compañía se a súa proposta é a mellor das que se presente ou a máis barata. Esquece a señora Abelleira que, ao ser un expediente menor, é a administración a que decide a quén convida ao proceso”, advirte Pérez Herráiz, “que non o disfrace de manter a presunción de inocencia, é conivencia”.

A voceira de Lugonovo traslada asemade certa “fartura das formas do executivo, que ou contesta con mentiras ou recorre a escusas. Non se pode cualificar doutra maneira o feito de que se xustifique na falta de persoal que aínda non se teña constituído, como lle vimos solicitando insistentemente, o Consello Municipal de Turismo, creado hai dous anos. Só é preciso redactar unha carta para convocalo, xa está ben de pretextos”, conclúe Cristina Pérez.

.