Lugonovo aborda este sábado, nunha xornada, a sexualidade na discapacidade

Estudar e traballar a sexualidade dende a óptica da diversidade.

Con esa finalidade, Lugonovo organiza mañá a xornada “A sexualidade nas persoas con discapacidade. Corpos desexantes e desexables” coa que pretende crear un espazo de reflexión mediante o uso dunha metodoloxía participativa.

“A saúde sexual está definida pola OMS como un dereito básico de todos os seres humanos dende o ano 1975. Sen embargo, segundo datos de 2015 só o 6% das persoas con algún tipo de discapacidade físico – motora afirma ter unha alta satisfacción sexual fronte o 74% das persoas que non a padecen”, explican dende a  formación. “Detrás desta considerable diferenza atópanse os mitos, que seguen a ser unha barreira moi importante, xa que é a propia sociedade a que non recoñece que a mocidade discapacitada está moi capacitada para enamorarse e ter instintos sexuais”.

Olalla Esmorís, traballadora social de Dedaleira e a psicóloga e sexóloga da mesma entidade, Nerea Rodríguez González,  tratarán de achegarlle á cidadanía boa parte da actividade que desenvolven dende este servizo de Cogami, co obxectivo de visibilizala.

“Dedaleira non só se encarga de facilitar información, asesoramento e orientación (persoal, telefónica e mesmo on line) aos seus usuarios, na procura dunha maior autonomía das persoas con diversidade funcional, senón que exerce tamén un labor de intervención cando se detecta algún tipo de comportamento delitivo contra a liberdade sexual, prestando asistencia terapéutica aos agredidos, ás súas familias e aos profesionais implicados nos feitos a través da unidade Querelar”, indica Lugonovo.

“Desgraciadamente non se trata dunha problemática illada, senón que as estatísticas falan por sí soas. Segundo informes de 2010 de Nacións Unidas, o 80% das mulleres con discapacidade son vítimas de violencia e o seu risco de sufrir abusos é catro veces maior que o da poboación en xeral”, sinalan.

A deste sábado será a primeira de tres xornadas organizadas pola Comisión de Diversidade e Identidade da Plataforma para abordar, dende unha perspectiva multidisciplinar, aspectos relativos á discapacidade que ata o de agora tiveron un tratamento e difusión pública moi restrinxidos.

Lugonovo convida a toda a cidadanía a participar na actividade, que se desenvolverá dende as dez e media da mañá no Centro de Convivencia Maruja Mallo.

A 31 de decembro de 2016 a Xunta de Galicia tiña censadas na provincia de Lugo 21378 persoas con algún tipo de discapacidade, 11237 homes e 10141 mulleres.