Valoración de Lugonovo sobre a dimisión de Iñaki García

Lugonovo ofrecía esta mañá, en rolda de prensa, unha valoración sobre a recente dimisión de Iñaki García como concelleiro do Grupo Municipal que abandonará a acta de edil o próximo xoves, no transcurso do Pleno.

“Lamentamos moito a súa decisión. Coa súa marcha a organización perde un valor e unha axuda necesaria. Por iso, antes de nada, queremos agradecerlle a súa dedicación non só á creación senón tamén ao desenvolvemento desta plataforma municipalista”, salienta o portavoz.

Víctor Álvarez aclarou, a continuación, algúns aspectos relativos ao proceder co que traballa a formación.

“Parécenos de vital importancia clarificar, de forma meridiana, cales son os principios que rexen a nosa operativa, coa fin de evitar malentendidos e de poder diferenciar a realidade do que son as apreciacións persoais. Lugonovo é unha Plataforma de base cidadá, transparente e desvinculada dos partidos. Esa é a nosa definición”.

“Funcionamos democraticamente segundo valores de participación, pluralismo e transparencia e tendo como piar das nosas decisións as deliberacións obtidas en Asamblea e na Coordinadora. A estas determinacións chégase despois de ter en conta o criterio do Grupo Municipal que ten como misión trasladar as posicións da organización nas que se define o modelo de cidade que queremos para Lugo”, manifesta Álvarez Arias.

O voceiro insiste: ”que non caiba a menor dúbida de que en cada tramo organizativo hai a debida autonomía, sempre fundamentada dentro da coherencia do proxecto e no respecto ás decisións das persoas adscritas. Baixo este proceder, Lugonovo procurou, e cremos que conseguiu, que todos os seus posicionamentos fosen por consenso, co acordo maioritario ou a vontade democraticamente expresada nas ducias de xuntanzas de traballo que se convocaron en cada ocasión. E así segue sendo. Lugonovo non deixou nunca de ser un encontro de xentes plurais, de diversa procedencia, de diferente idioloxía, con ou sen adscrición partidaria mais unidas no obxectivo de facer que a sociedade e as súas institucións cambien a favor da maioría social”.

“Por iso, insistimos, sen entrar nas causas da decisión persoal do compañeiro, ao mesmo tempo que nos entristece a súa marcha, sentimos que non fora quén de identificarse con este proxecto, de atopar nel o seu sitio ou de facer seus estes mesmos principios; especialmente agora cando Lugonovo está traballando para incrementar a súa presenza nos barrios e para efectivizar, aínda máis, o seu labor na Corporación Municipal”, conclúe Víctor Álvarez.