Valoración de Lugonovo sobre a renuncia da Directora Xeral de Recursos Humanos

Lugonovo pídelle celeridade ao goberno para resolver as eivas que lastran ao Concello en materia de persoal, despois de que esta mesma mañá transcendera publicamente que a Directora Xeral de Recursos Humanos acaba de presentar a súa renuncia.

“Pedímoslle ao executivo que, se pensa cubrir a praza, non perda nin un só minuto en facelo pero, especialmente, agardamos que, desta volta, a persoa seleccionada para desempeñar o cargo non só poida dispoñer de tódalas ferramentas que precise senón que tamén sexa capaz de acometer as funcións asignadas ao posto,” di Cristina Pérez Herráiz.

“Aprobar a RPT, poñer en marcha o sistema de control horario nos distintos edificios municipais ou axilizar as convocatorias de emprego público son cuestións que xa non se poden, nin se deben adiar máis”, destaca a portavoz.

“Dende Lugonovo lamentamos que o 2017 fose un ano perdido para o Concello nesta materia pero que ninguén esqueza que moitas das carencias de funcionamento que padece esta administración resolveríanse cunha organización axeitada e cunha correcta distribución dos seus traballadores e traballadoras, polo que esta Dirección, ben defendida, pode ser útil na consecución de tal fin. Nese sentido, para nós foi unha decepción inmensa que o goberno non fora quén de aproveitar a man que lle tendemos hai case dous anos, agardamos que agora teñan aprendido dos seus erros e saiban como emendalos”.