Lugonovo organiza unha festa feminista para celebrar o Día da Muller

ENCHENDO FOLGOS PARA A FOLGA DO DÍA OITO!

É a mensaxe coa que Lugonovo convida a tódalas mulleres e a toda a cidadanía, en xeral, a participar na festa feminista que a formación organiza a véspera do xoves, 8 de marzo.

“É imperativo celebrar o noso día, o Día da Muller, pero como nesa xornada estaremos de folga, ademais de asistindo aos distintos actos que se teñen convocado, ao respecto, na capital, dende Lugonovo decidimos comezar a festexalo unhas horas antes”, explica a portavoz do Grupo Municipal, Cristina Pérez Herráiz.

“Por iso propoñémoslle á veciñanza que o mércores 7 se achegue ao noso local, sito na Ronda da Muralla, a partir das oito da tarde e desfrute con nós dunha cea compartida que estará amenizada por Lila Teatro co espectáculo Rara Avis”.

Por outra banda, coa fin de darlle continuidade á conmemoración desta data, unha delegación de mulleres integrantes da Plataforma acudirá á manifestación unitaria do domingo 4, en Vigo e visitará durante a fin de semana a cidade portuguesa de Porto onde terá lugar o Festival Feminista EU e TU até sermos TODAS.

“A nosa intención é levar a voz e o sentir de Lugonovo a este encontro internacional para reivindicar todas xuntas e ben alto que queremos unha sociedade máis xusta e que loitaremos ata acadala”, conclúe Cristina Pérez.