Lugonovo continúa o seu ciclo de xornadas "Urbes Habitables" no barrio da Milagrosa

Lugonovo continúa o seu percorrido polo concello na Milagrosa, onde desenvolverá unha nova xornada do ciclo Urbes Habitables o vindeiro sábado, día 10. “Outra maneira de tomar o pulso á cidade para facer o diagnóstico correcto nas institucións”.

“A Milagrosa debía ser a nosa seguinte proposta, á vista do esmorecemento que padece e ante a preocupante inacción do goberno, incapaz de corrixir, dende que iniciou o mandato, a elevada degradación que sofre todo o barrio”, explica Cristina Pérez Herráiz.

A voceira do Grupo Municipal será quen presente o acto, estruturado en catro grandes áreas.

Co título “Reaviva o teu barrio. Reaviva o Agro do Rolo. Xerme dunha idea”, abordarase, nun primeiro momento, o aspecto urbanístico da contorna, da man dos arquitectos Jorge Salvador e Alberte González en representación do Gabinete gAU.

O segundo apartado será “A Milagrosa: Urdindo comunidade”, no que participarán o integrante de Cáritas Jesús Salvador López;  a traballadora social Marisé Fernández Méndez e o doutorando en Dereito Público,  Andrei Quintiá Pastrana.

A continuación, co epígrafe “Entre o pasado e o futuro: o presente da Milagrosa”, o foro incorporará unha vertente atropolóxica coa especialista e profesora da USC Elena Freire Paz.

E, para finalizar, e baixo o nome “Porta con porta: o reto da veciñanza”,  dous residentes na zona, Alejandro Eiras Rodríguez e Samira Zahir, compartirán as súas experiencias persoais sobre convivencia veciñal.

Lugonovo lembra que Urbes Habitables xorde coa vocación de ser un punto de encontro para expertos, empresarios e cidadanía no que avaliar, dende unha perspectiva multidisplinar, a situación real dos distintos barrios da capital e coa fin de esclarecer cales son os verdadeiros conflitos que lles afectan, frean o seu crecemento ou condicionan a calidade de vida neles para darlles solución.

A xornada, que será clausurada polo portavoz de En Marea, Luis Villares Naveira, comezará ás dez da mañá no Local Social da Igrexa da Milagrosa e, ao rematar, os participantes compartirán un xantar de confraternización.