Lugonovo denuncia que o concello incumpre a normativa autonómica de prevención de incendios e insta ao goberno a corrixir en tempo as deficiencias

Lugo non cumpre a lexislación contra incendios. Así o afirma o portavoz de Lugonovo tras comprobar que enclaves tan senlleiros da capital como pode ser O Carme non resultan alleos a esta eiva.

“Ao pé do Camiño Primitivo, na traseira do que se correpondería coa rúa do Vicedo, hai unha plantación de eucaliptos que non respecta as novas limitacións esixidas pola Xunta de afastarse das vivendas un mínimo de 50 metros”, explica Víctor Álvarez.

O voceiro da formación, e próximo concelleiro do Grupo Municipal, pregunta tamén qué pensa facer o goberno local para remedialo.

“Trala vaga de outubro o executivo galego recuperou moitas das medidas que xa puxera en marcha, no seu día, o bipartito coa fin de previr os lumes forestais e non só restableceu as distancias (que case duplican ás anteriores) ás que deben separarse, especialmente as especies pirófitas, do resto de espazos e infraestruturas senón que tamén impuxo un calendario que fixaba no 31 de maio de 2018 a data tope para que as administracións garantiran o desbroce dos terreos municipais co obxecto de evitar que a presenza de biomasa vexetal favorecera as queimas en tempada de risco”.

“Ben obrigando aos propietarios que non se axustan á lei a corrixilo, ben acometendo estes traballos de maneira subsidiaria, o Concello debe velar porque as directrices autonómicas se acaten. Primeiro por responsabilidade e logo para impedir que se repita o que aconteceu o outono pasado, cando arderon sen control varios soares nas inmediacións do Hula e mesmo das Gándaras por mor desta falta de limpeza”, lembra Álvarez Arias.

O portavoz anuncia que, neste sentido, a organización impulsará varias iniciativas. “Dende elaborar unha planimetría que recolla a fotografía do municipio coa situación actual na que se atopan os predios, ata a instalación de hidrantes nos núcleos ou de depósitos de auga, naqueles que non contan con abastecemento público; todas elas, actuacións de baixo custo pero altamente eficaces na loita contra esta lacra”.

Cuestións sobre as que Víctor Álvarez informará mañá á veciñanza de Santiago de Saa, no marco dunha reunión organizada pola Plataforma no Local de Dinamización desta parroquia.

“Unha función, a de asesorar aos residentes nas aldeas, que cremos pode e debe ter cabida dentro das competencias da Oficina Municipal coa que conta o Concello, creada hai pouco máis dun ano a instancias de Lugonovo. E así llo solicitaremos ao equipo de goberno”.

Víctor Álvarez realizou estas declaracións no transcurso dunha rolda de prensa na que Cristina Pérez Herráiz o presentou como o novo integrante do Grupo Municipal, trala recente dimisión dun dos seus edís.

Álvarez Arias pasará a formar parte de agrupación de forma oficial dende o vindeiro Pleno, asumindo as áreas de Medio Rural, Infraestruturas, Deportes e Desenvolvemento Sostible e Urbanismo.

Pola súa banda, Victoria Esteban Riesco continúa á fronte de Educación, Cultura e Turismo mentres que son competencia da voceira asuntos como Benestar Social, Promoción Económica ou Persoal.