Lugonovo alerta da presenza dun vertedoiro ao pé do Camiño Primitivo

É unha das imaxes coa que os peregrinos rememorarán o seu paso por Lugo cando percorreron o Camiño Primitivo: unha morea de entullo mesturada con todo tipo de desperdicios.

A baixada do Carme continúa sumando atractivos. Agora, denuncia Lugonovo, coa presenza dun vertedoiro espontáneo nas proximidades do trazado desta ruta a Compostela.

“Dende ladrillos, lousas e outros restos da construción, como ferros ou refugallos de formigón, pasando por ramallada seca e mesmo bidóns e embalaxes plásticos. O lixo amoréase a escasos 10 metros dun dos itinerarios a Santiago máis singulares que discorren pola capital”, refire a portavoz do Grupo Municipal.

Cristina Pérez Herráiz lamenta o aspecto de descoido que presenta un dos maiores patrimonios cos que conta a cidade e chama a atención ao goberno local para que proceda á súa retirada.

“Non podemos esquecer que os terreos nos que se atopa, e que serven tamén como aparcadoiro improvisado ante a carencia de estacionamentos da que adoece a zona centro, se integra na mesma contorna na que conflúen dous bens de recoñecido prestixio mundial. Só a súa presenza serve para evidenciar a falta de atención e de tutela que, ao respecto, exercen as administracións”, advirte a voceira.

Pérez Herráiz insta ao executivo local a tomar medidas para baleirar de residuos o soar o máis axiña posible e para impedir que esta práctica se reproduza.

“Supón, ademais dunha estampa desastrosa, un importante foco de contaminación nunha área na que debera reverter unha parte dos fondos procedentes do Edusi e que, entendemos, será obxecto de certa supervisión por parte dos organismos europeos. Non é de recibo consentir, por tanto, que irregularidades coma esta se normalicen e mesmo se perpetúen”, conclúe a portavoz de Lugonovo no Concello.